Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello organizará unha degustación de bonito en Burela o día 27 de xullo. Será no acto de presentación da Feira que se celebrará o 4 de agosto. Así o adiantou o Alcalde, Alfredo Llano

Burela, 13 de xullo de 2018. O Concello ultima os preparativos da Feira do Bonito que se celebrará o 4 de agosto. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que o evento sexa declarado de interese turístico nacional cara a finais de ano. O rexedor anunciou que o 27 de xullo haberá unha degustación de bonito e dixo que está en conversas coa asociación de cociñeiros da Mariña para que sexan estes profesionais os encargados de realizar dita degustación.
Alfredo Llano explicou que “o próximo 4 de agosto imos celebrar unha nova edición da Feira do Bonito. Agora mesmo estamos a traballar todos tanto desde Ledicia, que é quen organiza, como desde o Concello e desde todas as institucións que poidamos, para conseguir que esta feira sexa recoñecida como de interese nacional. Eu creo que estamos dando os pasos necesarios, despaciño si pero con moita fortaleza e con contundencia. Imos solicitalo en setembro e esperemos que a de finais de ano xa sexa recoñecida esta feira do bonito de Burela como de interese nacional, que é moi importante para nós. A feira vai coincidir con Produart, evento que tamén imos celebrar no recinto do porto de Burela, e imos facer unha presentación calculo que o día 27 deste mes, co programa, as actuacións e todo aquilo que sexa de interese. Ese día faremos unha degustación de bonito”.
O alcalde burelés subliñou que “imos este ano facer algo, que creo que é singular, que é invitar á asociación de cociñeiros da Mariña, é xente nova e preparada que quere traballar na calidade da gastronomía para favorecer o turismo. Polo tanto hai que estar aí para botar unha man, é unha forma bonita de presentar a nosa feira e de preparar diferentes pratos para degustar o bonito. O día 27 teremos esa degustación preparada pola asociación de cociñeiros, cada un deles fará dúas ou tres preparacións. Imos procurar que sexa nun espazo público en Burela, que xa decidiremos para que todo o mundo poida apreciar esta forma de anunciar a nosa feira do bonito. Creo que é unha maneira orixinal, necesaria e divulgativa”.
Convenio co Pescados Rubén Burela FS
Por outra banda, o alcalde burelés participou xunto ao concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, na sinatura cun convenio de colaboración do Pescados Rubén Burela FS para a realización de actividades culturais, deportivas, turísticas e asistenciais subvencionadas pola entidade local. O edil burelés subliñou que “se trata dun convenio por importe de 15.000 euros para a promoción turística de Burela que realizan as categorías profesionais deste equipo”.
O rexedor aproveitou a ocasión para referirse tamén ao deporte base: “temos claro no Concello de Burela que queremos favorecer o deporte base en todas as súas manifestacións, sexa fútbol, baloncesto, atletismo ou danza, todo aquilo que mova á xente a participar en eventos deportivos e practicar algo que é moi positivo para os valores da vida. Queremos seguir beneficiando a todo o mundo que queira practicar deporte e imos estar aí desde o Concello apoiando todas estas iniciativas. Unha delas é a sinatura dun convenio co Pescados Rubén de Fútbol Sala, porque hai unha escola de deportes na que están moitos rapaces practicando esta modalidade deportiva, e polo tanto parécenos extraordinario que se asine este convenio para favorecer a práctica deste deporte e que siga medrando ano tras ano. Este convenio ven indicar a través dunha subvención nominativa ao Pescados Rubén, que se está a favorecer o deporte no noso concello”.
Escola de Música
Alfredo Llano manifestou que “onte rematamos o curso lectivo da Escola de Música cun festival extraordinario que houbo na Praza da Mariña. Aí viuse claramente a idea que temos do beneficio que a Escola de Música está facendo na sociedade do noso concello e da comarca, porque houbo xente que veu doutros lugares facer o curso de música de jazz co que se rematou esta tempada. Onte foi unha manifestación da calidade, do bo facer e do rigor que hai na preparación”.
O rexedor engadiu: “quero felicitar ao responsable da Escola de Música de Burela por como se trata sempre de mellorar e ampliar a oferta educativa, e imos continuar apoiando decididamente á Escola de Música para facela máis grande e máis completa, e con moito servizo para a xente que queira adquirir coñecementos musicais. O de onte foi a culminación dun proceso que eu creo que demostra que se están facendo as cousas moi ben”.

Exit mobile version