Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello realizará as obras de mellora necesarias na nova escola infantil, onde se detectaron fallos estruturais. Alfredo Llano agarda que os traballos se acometan en agosto

Burela, 19 de xullo de 2018. O Concello acometerá as obras de mellora necesarias na nova escola infantil de Burela despois de que se tiveran detectado fallos estruturais. Así se acordou na xuntanza que mantiveron con responsables do Consorcio da Igualdade e do Benestar o alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Servizos Socias, Patricia Otero. O equipo de goberno tamén quere reducir o gasto no consumo eléctrico.
Llano contou que “a Benestar fomos basicamente porque se está a detectar un deterioro progresivo na obra que se acaba de estrear practicamente da nova escola infantil. Hai unha serie de deficiencias que hai que mellorar para rematar con este declive que pouco a pouco se está notando neste centro”.
Para o rexedor burelés “hai que ter en conta que o Concello si que optimizou ao máximo posible as súas oportunidades para mellorar substancialmente tanto o exterior como o interior da escola infantil, pero agora aparecen unha serie de detalles porque non foron ben rematados ou non se tiveron en conta as posibilidades de deterioro ou non se fixeron con materiais de calidade. Entón hai unha serie de cuestións que hai que mellorar”.
O alcalde explicou que “hoxe estivemos falando con responsables de Igualdade e Benestar e na nova escola infantil vamos acometer, desde o Concello, unha serie de melloras e tamén vamos tratar de optimizar o consumo eléctrico, revisando o termo de potencia para ver si está ben calculado para tratar de minimizar o gasto mensual de electricidade, que agora mesmo parécenos bastante elevado e por tanto hai que revisalo”.
E engadiu: “con respecto aos outros arranxos e melloras que se van facer, serán para evitar humidades, para optimizar os circuítos de calefacción, mellorar as portas, pintura e a sala onde está a calefacción e as instalacións de auga e de electricidade tamén se vai revisar porque non funcionan ben”.
Alfredo Llano indicou que “tivemos un acordo perfecto cos responsables do Consorcio, de tal maneira que nosoutros vamos licitar as obras e pagalas en principio e despois será descontado da participación que hai que facer. Cada alumno custa ao Concello 900 euros ao ano e da totalidade do que hai que pagar descontaranse todas estas melloras que se van efectuar na nova escola infantil. Parécenos un bo método porque será rápido e polo tanto acometeremos as obras no mes de agosto para que en setembro xa estea todo listo e perfecto para o seu funcionamento, que é do que se trata”.

Exit mobile version