Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello sacou a licitación un plan de mellora de accesos a 20 núcleos rurais de Ribadeo por importe de máis de 255.000 euros. Vicente Castro, alcalde en funcións, subliñou que estas actuacións foron acordadas coas asociacións veciñais

Ribadeo, 13 de xullo de 2018. O Concello sacou a licitación un plan de mellora de accesos a 20 núcleos rurais de Ribadeo por importe de máis de 255.000 euros, que será financiado con fondos propios. O alcalde en funcións, Vicente Castro, subliñou que estas actuacións foron consensuadas coas asociacións veciñais. Ademais para a vindeira semana seguirá o plan de rebacheos e asfaltados, que conta cunha partida de 76.000 euros pendentes de executar.
O rexedor explicou que “sacamos a licitación un plan de mellora de accesos a núcleos rurais con aglomerado, que vai dentro dun programa que iniciamos a finais do 2017 e que vai rematar a principios do 2019. Concretamente o que licitamos hoxe, por importe de 255.761 euros, é unha fase con cartos de fondos propios, á que lle vai seguir outra fase, que publicaremos nos vindeiros días e que é cofinanciada co plan Único da Deputación, por 251.702 euros”.
O tamén edil de Obras indicou que “todo isto está incluído dentro do programa conxunto de mellora de accesos a núcleos rurais iniciado en setembro do ano pasado, que vai contar cun financiamento global de 725.855 euros e contamos rematalo en marzo do vindeiro ano. Este plan vai financiado con fondos propios na parte máis importante, con cargo ao plan Único da Deputación noutra parte importante e ademais con cargo aos fondos do Agader, da Xunta de Galicia”.
Vicente Castro engadiu: “ademais temos en marcha outro plan de rebacheos e asfaltados, pendente de executar, que se paralizou en decembro de 2017 por mor das chuvias e que vamos poñer en marcha nesta semana entrante. Quedan por executar 76.807 euros dun montante total que ascende a máis de 800.000 euros”.
O alcalde ribadense subliñou que “con elo contamos darlle unha importante volta tanto aos núcleos rurais do concello de Ribadeo como aos camiños que os comunican entre eles. É unha proposta ambiciosa que se programou no 2017 e coa que contamos seguir, aportando fondos, no 2019. Esta actuación afecta a un total de 20 núcleos en absolutamente todas as parroquias de Ribadeo. Evidentemente vai distribuído en función da extensión en número de quilómetros que ten cada parroquia, dunha forma proporcional, máis ou menos. Todo este plan foi consensuado con asociacións de veciños, que nos dixeron as prioridades das actuacións en cada unha das parroquias”.

Exit mobile version