Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Pontenova convoca a unha reunión á veciñanza para reclamar a praza de médico

A Pontenova, 10 de xullo de 2018.- O Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, convoca a todos os veciños e veciñas da vila a xuntanza informativa para reclamar a praza de médico da vila, xubilado recentemente. A reunión será mañá, mércores dia 11 de xullo, ás 21:00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura.

O rexedor remarcou que a esta xuntanza tamén está convocado o Xerente de Atención Primaria de Lugo, “esperemos que asista e dea as explicacións pertinentes aos veciños da Pontenova pola supresión desta praza”. Ademais, Campos Conde avanzou “que xa recollemos preto de 1.500 firmas para reclamar o nomeamento dun novo facultativo para a vila”.

Ademais, lembrou que o pasado mes de marzo enviou unha misiva a Sanidade na que relataba que “tiñan habilitadas tres prazas de médico na Pontenova, unha delas está ocupada polo doutor Ramón Castro, xubilado o pasado mes de abril. Por ese motivo, póñome en contacto con esta Xerencia, co fin de coñecer cando ten previsto a Consellería de Sanidade cubrir esta praza que queda vacante na Pontenova?”. “A día de hoxe -sinala Campos Conde- non tivemos contestación a esta reclamación”.

O rexedor dixo que “como máximo representante da Pontenova, non permitiremos que os recortes executados pola Consellería de Sanidade afecten á saúde das persoas, mermando a calidade asistencial dos nosos veciños. Non imos permitir que se maltrate deste xeito ao rural galego, e en particular ao noso Concello, recortando un servizo esencial para as persoas, como é a sanidade”.

Exit mobile version