Site icon Crónica3.com A Mariña

“O mandato de Llano está a ser un inmenso engano á cidadanía”, asegura o Grupo Municipal Popular burelés

Burela, 18 de xullo de 2018.- “O mandato de Alfredo Llano está a ser un inmenso engano á cidadanía de Burela”, segundo asegurou hoxe o Grupo Municipal Popular burelés, “á vista da nula capacidade de xestión e tamén das mentiras que supoñen os anuncios que fai o propio alcalde ao quedaren en nada”.
Desde o PP de Burela afirman que “o alcalde e os seus concelleiros estanse a limitar a coller os cartos das subvencións que lles envían desde a Xunta e a Deputación e a investilas para non perdelas, pero non existe xestión propia de ningún tipo”.
Os populares recordan que “hai agora un ano aprobouse en Pleno o Plano Normativo Municipal para 2017 que incluía, entre outros aspectos, a redacción, exposición pública e aprobación, durante o ano pasado, de ordenanzas e regulamentos coma o do mercado, a ordenanza de terrazas, a de inspección técnica de edificios, o regulamento orgánico municipal ou de abono do complemento de produtividade aos empregados municipais”. Pero, “nada de iso se fixo”, segundo apunta o Grupo Municipal do PP.
De feito, os edís populares indican que “o un de febreiro deste ano aprobouse o Plano Normativo para 2018 que recollía todo o previsto no de 2017 porque non se chegou a executar”. E, “a día de hoxe, seis meses despois, non hai nada feito tampouco tal e como se deduce da falta de resposta por parte do alcalde a un escrito presentado por este Grupo Municipal fai agora un mes no que se solicitaba copia da documentación elaborada ou acceso á mesma para a súa consulta”. Segundo o propio Plano Normativo elaborado polo alcalde, “toda esta normativa tiña que estar xa redactada hai tres meses e, polo tanto, agora debería estar exposta para a súa consulta pública a través da sede electrónica”. Pola contra, segundo explican os populares, “na sede electrónica, a día de hoxe, só hai dous anuncios: un referido á modificación da ordenanza do ICIO e outro á de actividades económicas e de apertura de establecementos”.
A isto, indican desde o Grupo Municipal Popular, “hai que sumar o anunciado Plan de Tráfico que o alcalde anunciou en novembro de 2015 e do que nada se sabe; o plan de peonización, do que tampouco se sabe nada; a Relación de Postos de Traballo, que ninguén coñece e da que se asinou o contrato hai dous anos; ou a ausencia de contrato para a redacción da memoria do novo pavillón, contrato que non consta na sede electrónica do concello”.
Para os populares bureleses, “estamos asistindo a unha inmensa mentira, a través da que se pretende facer ver que se fai o que non se fai, a base de titulares que se quedan en nada, que se quedan en enganos reiterados á cidadanía”. Segundo os concelleiros do Partido Popular, “estamos asistindo á demostración absoluta de vagancia e do pasotismo dun personaxe centrado exclusivamente nas fotos e nas festas”.
Finalmente, os populares engaden tamén que “estamos comprobando que este alcalde leva tres anos perdidos para a nosa vila e que non ten absolutamente ningún proxecto propio ilusionante para a cidadanía porque, de telo, xa o tería posto en marcha. Agora, a menos dun ano para as eleccións, é tarde. Burela non se merece un alcalde así”.

Exit mobile version