A rexedora municipal explicou que “esta cita é unha das máis singulares dentro do calendario lúdico do noso municipio. Conta co respaldo dos veciños e veciñas, representados nas distintas asociacións que colaboran na organización deste evento. É por tanto un punto de encontro, de reunión, no que todos os veciños acoden a este lugar a pasar un día en sociedade e a gozar dos encantos que esconde esta fermosa fortaleza”.
Ademais Rocío López anunciou que “o programa deste ano é unha mestura de arte, cultura, tradición e gastronomía, na que non faltarán os obradoiros para nenos, o teatro ou a música tradicional, entre outras moitas actividades que integran o programa. E haberá premios aos mellores traxes, tanto infantil como adulto”.