Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica que no Concello de Ribadeo hai parroquias nas que non se recolle o lixo desde hai quince dias e moitas estradas municipais nun estado deplorable

Ribadeo, 16 de xullo de 2018. O grupo do Partido Popular no Concello de Ribadeo critica ao goberno municipal porque os contedores de lixo de varias parroquias do municipio levan quince días sen recoller. E ademais moitas estradas municipais, como as que unen Meirengos con Rinlo, atópanse nun estado lamentable. Para o voceiro popular, Jesús López Penabad, dá a sensación de que os actuais gobernantes locais se cansaron de atender as necesidades dos veciños.
O portavoz do PP denunciou publicamente hoxe que “as estradas que unen Meirengos con Rinlo seguen nun estado deplorable. Non son estradas, son auténticas fochancas. Eu recoméndolles aos de Rinlo que adianten a data da Festa do Percebe porque aquí só se fan as cousas cando está a punto de ser a festa, e eles como a teñen a principios de agosto pasan o verán con todo abandonado. É lamentable”.
Jesús López Penabad engade que “os gobernantes municipais están ofertando que teñen 255.000 euros para arranxar pistas, pero, por favor, tapen as fochancas e fagan as estradas transitables. Pero é que non son só as estrada, porque o paseo e unha fonte que hai en Rinlo están sen desbrozar, está todo abandonado. Que pasa?, que lles teñen manía? Eu xa non sei como recordárllelo para que actúen. Desde a oposición facemos o que podemos, que é denuncialo, porque quen ten que facelo é o equipo de goberno, de dez concelleiros do BNG con maioría absoluta. Ese traballo teñen que realizado eles e pedímoslle que o fagan. Ou é que xa non teñen ganas de gobernar? Aburríronse de atender as necesidades dos ribadenses? Aí hai unhas eleccións e creo que o que están gañando, con tanto pasotismo, é quedarse fóra. Pero isto non é cousa nosa senón do electorado ribadense”.
Ademais López Penabad explica que “tivemos queixas de veciños porque nas parroquias, polo menos nalgunhas, levan quince días sen recoller o lixo dos contedores. Como comprenderán, en pleno mes de xullo hai vermes xa nos contedores e preguntámonos que é o que pasa. Outro abandono total. Non sei si se avariaron os camións ou cal é o problema pero aquilo clama ao ceo: por sanidade, por estética, por olor e por todo. É outro signo máis de pasotismo, de deixadez e de falta de goberno que estamos notando en Ribadeo, porque teñen que facer un traballo pero non o fan”.
Para rematar o portavoz do PP ribadense comentou: “nosoutros seguiremos denunciando todo o que nos fagan chegar os veciños, que é o noso traballo e ademais así o cremos necesario”.

Exit mobile version