Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo critica ao goberno municipal por non poñer as bandeiras da casa do Concello a media asta para cumprir os 3 días de loito oficial polo falecemento do primeiro Presidente da Xunta

Ribadeo, 13 de xullo de 2018. O Partido Popular de Ribadeo critica ao goberno municipal por non poñer as bandeiras da Casa do Concello a media asta para cumprir os tres días de loito oficial polo falecemento do primeiro presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor.
O portavoz do PP no Concello ribadense, Jesús López Penabad, manifestou hoxe: “ás veces preguntámonos onde estamos, onde vivimos. Non sei se co tema dos indianos algúns cren que estamos en Uruguai, porque morreu un ex presidente galego, que xa sabemos que non era do BNG, e hai tres días de loito, pero o Concello de Ribadeo non pon as bandeiras a media asta. ¿Onde está o protocolo deste Concello? ou ¿isto é unha república independente?
Jesús López Penabad engadiu: “creo que ante unha figura deste calibre, ex presidente da Xunta de Galicia, o primeiro que tivo esta autonomía, por protocolo e por respecto Ribadeo debe sumarse ao resto dos concellos nestes tres días de loito oficial. Séguenos sorprendendo o pasotismo e o que fan ao seu libre albedrío sen contar con ninguén”, en referencia aos gobernantes locais.
Baños da praia das Catedrais
Por outra parte, o voceiro dos populares en Ribadeo pregunta “a que hora se abren os baños da praia das Catedrais, porque din que é ás once da mañá pero creo que se deberían abrir tendo en conta o horario das mareas, porque durante a baixamar e cando realmente vai a xente a esa praia e polo tanto é cando son máis necesarios. Polo tanto que tomen nota e adapten a apertura dos baños ao horario das mareas”.

Exit mobile version