Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o equipo de goberno de Ribadeo actúa tras as denuncias da oposición e nos Galos unha estrada arranxada recentemente segue en moi mal estado

Ribadeo, 18 de xullo de 2018. O Partido Popular de Ribadeo dille ao alcalde de Ribadeo en funcións, Vicente Castro, que o goberno municipal actúa como consecuencia das denuncias da oposición. O portavoz popular, Jesús López Penabad, critica que no barrio dos Galos hai unha estrada que se atopa en moi mal estado, a pesar dos arranxos feitos recentemente polo Concello.
López Penabad manifestou: “desde o PP sentímonos agradecidos cando sae o alcalde en funcións de Ribadeo, Vicente Castro, dicindo que nosoutros denunciamos cando se empezan os traballos. Eu creo que non é esa a orde, o que pasa realmente é que nosoutros de tantas veces denuncialo, porque levamos facéndoo desde o mes de maio e estamos a 18 de xullo, por fin se ve que se empeza a desbrozar, e queda moito quilometraxe, que é extenso. Pero hai que recordar que hai catro tractores agora desbrozando, un que puxera a Xunta no seu momento, outro do propio Concello e dous por outro convenio da Xunta. Con catro tractores poderíase desbrozar un pouco máis”.
O voceiro dos populares ribadenses engade que “é un traballo que debera estar feito, porque este ano foi un ano complicado. É certo que se desbroza e volve nacer a maleza, pero acusar á oposición de que denunciamos cando se empezan os traballos, despois do tempo que levamos dicíndoo, é un argumento bastante pobre. Nosoutros seguiremos denunciando pois o que queremos é que se fagan as cousas que son moi necesarias”.
O portavoz do PP no Concello de Ribadeo pide que “se fagan as cousas e que se fagan ben. Denunciamos nos Galos, ao lado da rotonda tan necesaria estes días para poder entrar en Rosalía de Castro, aínda que hoxe ábrese por fin a rúa San Roque, unhas fochancas enormes que había alí. Eu non sei realmente que fixeron porque botaron un pouco de gravilla e volve haber fochancas; se esa é a maneira de traballar deste equipo de goberno municipal deixa bastante que desexar. Vemos cada vez máis pasotismo e desgoberno. E agora saen a dicir que están facendo as cousas; realmente non era sen tempo”.

Exit mobile version