Site icon Crónica3.com A Mariña

O Resu enche os hoteis da Mariña e esténdese á Terra Chá con reservas ata en Vilalba

Lugo, 12 de xullo de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, visitaron este xoves as instalacións nas que se está a desenvolver o XII Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España e un dos máis relevantes de Europea, recoñecido e premiado como tal con diferentes galardóns. Fixérono acompañados de Iván e David Méndez Rodríguez, Director e Subdirector do festival, así como promotores e organizadores cos que dende sempre colaboraron Deputación e Concello de Viveiro, sendo as administracións galegas que máis o fan.

Campos Conde avanzou que “este é un dos eventos turísticos máis importantes para a provincia. O primeiro, de seguro, para a nosa Mariña. Deputación e Concello de Viveiro apostamos por este festival dende o primeiro momento, da man de Melchor Roel, non coma outros que se apuntan tras o seu éxito…. Hoxe Deputación e Concello seguimos as administracións galegas que máis colaboran. Dende a Deputación, facémolo con máis de 130.000 euros. Cremos isto non é un gasto senón un investimento para a nosa provincia. O Resu ten todo un recoñecemento mundial. É o mellor festival de rock de España e dos mellores de Europa. Atrae a 85.000 persoas de máis de 40 países. Agárdase un retorno económico de 13 millóns de euros. Xera uns 2.000 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contrátase persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas taquillas… e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis…”

“De feito, os hoteis da Mariña están cheos polo que os efectos do Resu se estenderon á Terra Chá, habendo reservas en Concellos como Vilalba. Por proximidade, tamén hai as hai en municipios da Coruña. Creo que este festival repercute moi positivamente na economía da nosa provincia, ademais de ser un escaparate turístico de primeira, pois sitúa a Viveiro e á Mariña Lucense no mapa turístico mundial. Moita xente virá ao Resu e, de seguro, aproveitará para coñecer a nosa provincia, para mercar nos nosos comercios ou para desfrutar da nosa gastronomía, cultura, patrimonio e por suposto da beleza paisaxística única da provincia”.

Loureiro García, ao igual que o Presidente, lembrou a Melchor Roel “que apostou e impulsou o Resu, facendo posible o que hoxe vemos. Sempre confiou neste festival, que tamén é seu. Hoxe estaría moi orgulloso de ver as dimensión ás que chegou ou a súa repercusión a nivel mundial”.

12.300 persoas enchen os 4 campings
A Alcaldesa destacou que “Viveiro ten unha ocupación hoteleira do 100% durante toda esta semana. Están ocupadas as 2.000 prazas hoteleiras. O mesmo sucede coas 300 prazas do cámping municipal e coas 12.000 prazas dos campings da organización (Resu Camp, Beach Camp e o de Covas). Este volume de visitantes contribúe á dinamización económica e promoción turística do noso Concello”.

Transporte dende o Beach Camp en Covas
Dende o Beach Camp e o camping en Covas haberá servizo de transporte. Os buses saíran sempre que haxa concertos, uns minutos antes de que comecen as actuacións.

Escenario de shows acústicos
Iván Méndez Rodríguez explicou que “o cartel é moi variado e ambicioso. Haberá 4 escenarios temáticos e 100 bandas. Como novidade, instalamos un escenario de shows acústicos, ampliando así a oferta musical que ofrecemos aos visitantes. Este ano, contamos co cartel máis variado que tivemos nunca. Para todos os públicos. Poderemos ver lendas da música como Tom Morello de Rage Against The Machine, Gene Simmons e Paul Stanley de KISS, Corey Taylor de Stone Sour e Slipknot, Klaus Meine e Rudolph Schenker de Scorpions, Dave Mustaine de Megadeth, Papa Emeritus de Ghost, B-Real e Sen Dog de Cypress Hill, Ao Jourgensen de Ministry, Jello Biafra de Dead Kennedys… e moitos máis. Sen dúbida, a edición máis ambiciosa e que pasará á historia”.

KISS, o grupo norteamericano con maior número de Discos de Ouro
Actuará a banda estadounidense de rock KISS, o grupo norteamericano con maior número de Discos de Ouro logrados e que “ten o espectáculo de rock, son, luz e pirotecnia máis grande do mundo”, apuntou Méndez. Tamén soarán outras bandas de referencia como Scorpions, Prophets of Rage, Ghost ou Megadeth.

Punto lila
Loureiro lembrou que “dende o Concello de Viveiro, e dentro da nosa defensa dos dereitos das mulleres, promovemos unha campaña para evitar as agresións sexistas no Resurrection, coa instalación dun punto de atención lila, así como con labores de información e concienciación aos visitantes. De feito, haberán unhas 12 voluntarias -traballadoras sociais, psicólogas ou educadoras- que percorrerán o recinto repartindo dípticos informativos e facéndose visibles para evitar calquera tipo de agresión que se poida producir. Facémolo como medida preventiva pois nos 12 anos de historia do festival, non houbo ningunha denuncia por agresión sexual”.

A Alcaldesa apuntou que esta mesma semana tivo lugar en Viveiro a xuntanza de seguridade do Resurrection 2018, na que participou a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López, e na que se estableceu un amplo dispositivo para velar por que todos os públicos poidan desfrutar dos concertos sen ningún tipo de problema. Neste dispositivo participan efectivos de policía local, nacional e autonómica, garda civil, tráfico, servizos marítimos, e servizos de emerxencia como bombeiros e protección civil.

Exit mobile version