Site icon Crónica3.com A Mariña

Os alumn@s do ciclo dual de grao superior en hostalería do IES de Foz están realizando as súas primeiras prácticas en hoteis da prestixiosa cadea Eurostars en Córdoba, Barcelona, A Toxa e Ourense

Foz, 18 de xullo de 2018. Os alumnos e alumnas da dobre titulación dual de grao superior en Hostalería, concretamente en Dirección de Cociña e de Servizos, do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz están realizando as súas primeiras prácticas do ciclo en hoteis da prestixiosa cadea Eurostars, do grupo Hotusa, en Córdoba, Barcelona, A Toxa e Ourense. Concretamente están nos complexos Mosteiro de San Clodio (Ourense); Gran Marina, de Barcelona; Conquistador, de Córdoba; Isla de la Toja e Gran Hotel La Toja, con categorías que van desde as catro estrelas ata as cinco estrelas gran luxo.
Un dos alumnos é Simón Rodríguez Rouco, de 19 anos de idade e veciño de Burela, que está facendo as prácticas no Gran Hotel La Toja, un emblemático hotel balneario de 5 estrelas. Simón Rodríguez explica que “en principio tiña pensado estudar Cociña ata que cheguei ao IES de Foz, déronme a opción de facer o dual e dixen por que non, aprender as dúas cousas, porque o saber non ocupa lugar e así fórmome nas dúas partes da hostalería, que é un mundo moi grande”.
Antes de empezar a cursar este ciclo no IES de Foz Simón Rodríguez non tivera ningunha relación coa hostalería pero gústalle moito: “collino con moitas ganas, encantoume desde o primeiro día e no pasado inverno xa tiven a oportunidade de traballar en cociña, concretamente no restaurante Sargo, de Burela, e para empezar serviume como base de aprendizaxe. E agora estou facendo as prácticas de Servizos no Gran Hotel da Toxa, e encantado porque o trato de todo o persoal de sala é inmellorable e traballamos como se fóramos uns máis. Eu agora estou na quenda de mañá, de 08:00 a 16:00 horas, para servir os almorzos e despois vou para o restaurante, para o bar ou para a terraza”.
Rodríguez Rouco vai seguir estudando o ciclo dual no IES de Foz ata rematar os dous cursos que lle faltan e anima a matricularse aos que estean interesados no mundo da hostalería porque “é unha boa oportunidade e é moi recomendable”.

Exit mobile version