Site icon Crónica3.com A Mariña

Un documental inédito con imaxes de Foz, Cangas e Lourenzá en 1952 abre as xornadas de historia de Foz

Foz 28-7-18. As xornadas de historia de Foz arrancan o luns 30 de Xullo ás 20:30, na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz coa proxección do documental inédito “Foz, Cangas e Lourenza”, elaborado a comezos dos anos 50 polo cangués Antonio Díaz Ortiz e cunha palestra posterior a cargo de Martín Fernández Vizoso no que fai un percorrido pola traxectoria vital do autor do mesmo. A investigación de Fernández Vizoso, titulado “Antonio  Díaz Ortíz, cineasta, empresario e oficial republicano”, repasa a vida deste veciño de Cangas que despois de combater ao lado do exercito republicano e fuxir da represión franquista, instalouse en Madrid, onde se significou como importante empresario, mantendo ao longo da súa vida unha grande paixón polo audiovisual. A cinta agora recuperada por Fernández Vizoso, conservada pola familia de Díaz Ortíz preséntanos imaxes dun Cangas, dun Foz e dun Lourenzá descoñecido, pousándose nos nomes de moitas persoas e familias destas localidades.

O autor da investigación, Martín Fernández Vizoso é un xornalista, escritor e profesor natural de Cangas de Foz, se ben a súa carreira profesional desenvolveuna en Madrid, Santiago, Pontevedra ou Lalín, onde traballou como como delegado do xornal La voz de Galicia e director de Cadena Noroeste, Radio Voz e Onda Cero de 1988 ao ano 2000. Autor dunha abondosa produción ensaística, onde destacan os volumes Pontevedra desde el aire, Los centros de la emigración pontevedresa en Buenos Aires ou Fomento de la Instrucción Gallega, mantén diversas colaboracións en prensa escrita, exercendo como Vicepresidente da Asociación de Periodistas de Galicia. Ao tempo está centrado nunha investigación sobre os emigrantes mariñáns en America, aspecto sobre o que leva traballando desde fai unha chea de anos e sobre os que ten achegado diversas palestras en edicións anteriores das xornadas de historia organizadas pola Pomba do Arco.

Segundo sinala Martín Fernández Vizoso, “Antonio Díaz Ortiz foi un focego que ostentou o cargo de Capitán do Exército Republicano na guerra civil de 1936. Tralo remate da contenda, fuxiu do Madrid franquista atado ao eixe dun camión de transporte de pescado do cangués Pascual Fernández Saá. Estivo agochado tres anos en Cangas e Cordido e foi xulgado en rebeldía polos tribunais de Franco en Xixón. De volta a Madrid, na posguerra chegou a ser un empresario de éxito, propietario de oito panaderías e tafonas na capital, catro barcos de pesca en Foz e A Coruña e varias fincas de cultivo de cereais en Tarancón (Cuenca) e Toledo. Nos anos 50 converteuse nun pioneiro do Documentalismo na Mariña despois de fotografar e gravar, con modernos medios audiovisuais, diversos aspectos etnográficos e paisaxísticos da comarca como as mallas, a pesca, as festas, as vilas ou diversos tipos de xentes”.

Martín Fernández Vizoso indicou que “dende os anos 50, cando a televisión chega a España, Antonio Díaz Ortiz converteuse nun pioneiro do Documentalismo na Mariña. Cunha moderna cámara Packard 38 gravou audiovisuais de tipo social e etnográfico en diversas vilas da comarca, sobre todo Cangas de Foz, Ribadeo, Viveiro, Foz e Vilanova de Lourenzá. Mallas, festas, procesións, tipos de xentes e diversos paisaxes foron recollidos por él pero tamén instantáneas fotográficas sobre eses mesmos temas. A súa laboura de produción audiovisual –de gran calidade pero non profesional senón aficionada- levouno a gravar tamén actos e eventos sociais e públicos de Madrid e outros puntos de España. Neste sentido, destaca o feito de que, ao ser Antonio Díaz, gran afeizoado e seguidor do Real Madrid, foi el quén gravou as primeiras producións audiovisuais que recollen triunfos e éxitos deste equipo de fútbol nos anos 40 e que foron recentemente incorporadas ao Museo do Real Madrid polo seu carácter inédito e pioneiro”.

As xornadas continuaran o martes 31 de xullo ás 20:30 na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, a quenda correspóndelle Xosé Ramón Ermida Meilán, autor de diversos traballos de investigación sobre a localidade, algúns dos cales foron publicados en diversas edicións da revista Bolanda. A palestra de Ermida titulada “ A fotografía focega. 1906-1936” propón unha viaxe a través da fotografía pola historia da localidade nas primeiras décadas do século XX, centrándose nos trabalos fotográficos de Alberte Bravo,Andrés Gamboa e Manuel Luxilde, os fotógrafos cos que contou en Foz nese periodo, así como na obra do ribadense Benito Prieto e do mindoniense Santiago Pernas. Ermida proxectara cincuenta instantánea destes autores, entre elas a primeiras colección de postais da localidade, realizadas na década de 1910.

Exit mobile version