Site icon Crónica3.com A Mariña

Xe Freire percorre a historia de Foz da man de Lence Santar

Foz 31-7-18. As xornadas de historia de Foz organizadas pola asociación cultural A pomba do Arco continúan o mércores 1de agosto, tamén na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz e no mesmo horario, as 20:30, terá lugar un conferencia de Xé Freire. O investigador mindoniense é un dos grandes coñecedores da comarca mindoniense no período da I restauración e achegáronos a ese momento histórico no concello de Foz. Un dos eixos sobre os que xirará a palestra de Freire é a relación mantida coa nosa localidade polos máis importantes intelectuais mindonienses, sinalándose entre eles Eduardo Lence Santar, o historiador mindoniense tan querido e coñecido por Freire e tan vencellado a Foz, onde pasou moitos dos seus veráns e aos que dedicou importantes investigación e tamén creacións literarias.

O autor da palestra Xosé Ramón Freire Sánchez, coñecido como Xe Freyre, nado en Mondoñedo en 1962 , é un escritor e investigador, autor de traballos de investigación histórica, literaria e de promoción turística. Colaborador habitual na prensa galega, os seus traballos (artigos, reportaxes, entrevistas, críticas…) están esparexidos por numerosos xornais e revistas do país. Abordou tamén o guión documental e adestrouse no mundo da ficción literaria, onde publicou con só vinte e cinco anos Cando o gato mira de esguello, reeditado en 2011 pola editorial canguesa Morgante. Xe Freyre comparte co seu paisano Lence Santar, a que lle ten dedicado varios estudos, a paixón pola investigación histórica, sendo un dos mellores coñecedores do século XIX nas terras da antiga provincia de Mondoñedo, estando centrado actualmente nunha investigación nese período histórico.

A relación de Lence Santar coas terras focegas deuse en dous planos. O vello cronista de Mondoñedo veraneou en Foz ao longo da súa vida porén o que merece máis destaque son os centos de paxinas destinadas a recuperación e posta en valor da historia focega. Neste sentido podemos afirmar que Lence foi o grande historiador das terras de Foz, adentándose no estudo da súa etnografía e tradicións pero tamén nos fitos históricos de diversos capítulos da súa vida na Idade Media, Idade Moderna e Idade Contemporánea. Así sobre o primeiro período destaca os seus traballos sobre Pardo de Cela e as Irmandades, parte do cal foi elaborado con documentación atopada nos arquivos da Casa de Fontao. Outro tanto acontece coa Idade Moderna onde se recolle toda a historia do gremio do mar da localidade, ou as súas historia sobre os mariñeiros focegos no século XX. Ao tempo foi autor de diversas composicións literarias referidas a Foz.

As xornadas fecharanse finalmente o xoves 2 de agosto ás 20:30 mesa redonda no salón de actos da Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, onde participarán diversos focegos que desenvolveron a súa actividade profesional como carpinteiros de ribeira. A mesa redonda, conducida por un membro da asociación cultural A Pomba do Arco contará coa participación Santiago Pérez, Pedro Fraga, Carlos Villarino, Alfredo Sixto, Ramón Cuadrado, Alfonso García e Juan Necega, cubrindo o período da construción naval en Foz desde 1942 até os nosos días. As persoas que estarán presentes nesta palestra son só unha representación significativa dunha actividade que chegou a ocupar moitas persoas na nosa vila, sendo un exemplo disto os estaleiros de Juan María e do seu fillo Suso, de Santiago da Puebla, dos Morenos, de David ou de Cesar Beltrán. A mesa redonda ten o obxectivo de perpetuar e homenaxear unha profesión cunha longa tradición na vila, até o punto de aparecer reflectida esta actividade nas crónicas do licenciado Molina a comezos do século XVI.

Exit mobile version