Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Cultura colabora coa Mostra folclórica internacional de Viveiro cunha achega de 6.000 euros

Viveiro, 2 de agosto de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a organización da nova edición da Mostra Folclórica Internacional de Viveiro, que terá lugar esta fin de semana, cunha achega de 6.000 euros.

A Secretaría Xeral de Cultura colabora co colectivo organizador deste evento, a asociación Bágoas da Terra, para promover unha cita de gran arraigo na Cidade do Landro.

Dáse a circunstancia ademais de que, nesta ocasión, a Mostra cumpre a súa 40 edición, e o fai no mesmo ano no que Bágoas da Terra celebra o seu 60 aniversario, como un dos principais colectivos culturais de Viveiro e da súa comarca.

Felicitación aos organizadores
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, aproveitou ambas circunstancias para amosar a felicitación, en nome do Goberno galego, a todas as persoas que fan posible este evento e o seu desexo de que, un ano máis, veciños e visitantes arroupen coa súa presenza a Mostra.

O programa de actividades volve a ser moi completo, onte mesmo celebrábase a Mostra Infantil, hoxe inclúe un concerto de música folk, e o sábado incluirá o habitual desfile das Nacións e as distintas actuacións dos grupos locais e convidados, que este ano tan especial prevén reunir a medio millar de participantes.

Escaparate da nosa cultura popular
Balseiro dixo tamén que a Mostra “é o perfecto escaparate que, desde Viveiro e para o mundo, amosa toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto afeccionada como profesional”.

O delegado territorial dixo tamén que neste 2018 ademais da celebración dos aniversarios que concorren, a propia Mostra servirá para festexar “outro gran paso do folclore galego”, como é a declaración do baile tradicional galego como ben de interese cultural (BIC) do patrimonio inmaterial, “baile que constitúe con dereito propio un dos principais protagonistas deste evento”.

Exit mobile version