Site icon Crónica3.com A Mariña

A Festa Normanda de Foz, que se celebrará do 24 ao 26 deste mes, ten un plan de emerxencias e haberá un importante dispositivo. A primeira reunión da xunta de seguridade celebrouse este xoves no Concello

Foz, 16 de agosto de 2018. O Concello de Foz acolleu hoxe a primeira reunión da xunta de seguridade para a Festa Normanda que se celebrará dos días 24 ao 26 deste mes. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explica que se elaborou un plan de seguridade e emerxencias e que haberá un importante dispositivo durante o evento.
O rexedor municipal explicou que “no día de hoxe tivo lugar a primeira xunta de seguridade da Festa Normanda que se celebrará do 24 ao 26 de agosto. Foi unha primeira toma de contacto entre todos os responsables da seguridade desa festa. Concretamente participaron primeiramente os redactores do plan de emerxencia, da empresa Previnem, que foron os que realizaron este documento e os que nos explicaron ao resto de responsables de que consta este documento tan importante. Estiveron tamén a comisión organizadora da Festa Normanda; representación do equipo de goberno; de Protección Civil; de Ambulancias Burela, que será a encargada do seguimento médico e terá como medios dúas ambulancias e un pequeno hospital móbil; e da Policía Local. Tamén están avisados deste dispositivo tanto a Garda Civil como os Bombeiros, que están informados en todo momento do contido de dito plan”.
Javier Castiñeira engadiu que “nesta reunión tratáronse asuntos importantes respecto á seguridade dun evento, que entendemos que vai ser moi concorrido, como foi durante todos estes últimos anos, especialmente os protocolos de actuación en caso dunha emerxencia ademais do control das autorizacións dos diferentes participantes, especialmente os máis xoves, que necesitan autorización dos país, e tamén os adultos que participen no desembarco e noutras actividades. Tamén se falou dos cortes e alternativas de tráfico, para evitar que haxa unha confluencia de vehículos nas zonas da festa, e de cumprir os aforos máximos, sobre todo os que están limitados, especialmente no recinto normando”.
O alcalde salienta que “queremos evitar, porque tamén nos preocupa moitísimo, con seguridade privada e a Policía Local, o consumo de bebidas alcohólicas dentro das zonas públicas non autorizadas para elo; e tratar de manter o rigor nunha festa de recreación histórica na que debemos convivir todos, nenos e adultos, para que poidamos disfrutar todos. Haberá un control importante por parte da seguridade privada neste senso e pedimos tamén a colaboración de todos os participantes para evitar o botellón, como pode ocorrer noutras festas. Nesta festa o obxectivo non é ese, porque ten un obxectivo claro de ocio pero tamén de rigor histórico e de convivencia entre todas as persoas”.
Castiñeira comentou ademais que “esta foi a primeira reunión das que se farán. Durante a semana próxima seguiremos mantendo estas comunicacións e todos os participantes no mercado e empresas de todo tipo deberán aportar a súa documentación e os seus seguros de responsabilidade civil para tratar de evitar no posible que haxa circunstancias que vaian en contra do bo convivir e da seguridade da festa”.

Exit mobile version