Site icon Crónica3.com A Mariña

A situación económica do Concello de Burela é boa. Así o asegurou hoxe o Alcalde, Alfredo Llano, que aludiu a un superávit de 700.000 euros e a un remanente de máis dun millón de euros

Burela, 22 de agosto de 2018. O Concello ten unha débeda viva de cero euros. O alcalde, Alfredo Llano, manifesta que “é unha boa noticia e quere dicir que non temos préstamos con entidades bancarias”. Segundo o rexedor a situación económica do Concello de Burela é boa, xa que os últimos datos recollen un superávit de 700.000 euros e un remanente de máis de 1 millón de euros.
Alfredo Llano salientou que “é unha boa noticia sempre que se fale de débeda viva cero nos Concellos, que aquí na Mariña hai algúns, entre eles o noso. Iso é que estes concellos que teñen débeda viva cero é que non están agora mesmo metidos en préstamos bancarios, que non hai débedas bancarias”.
O alcalde dixo que “Burela non soamente non ten débeda viva senón que ademais, cando se fixeron as contas finais do ano 2017, había un superávit duns 700.000 euros, o cal quere dicir que estamos traballando ben e que están aplicando ben o tratamento da economía para que o Concello sexa ben atendido no plano económico, e así está sendo”.
Llano sinalou que “non soamente é que non exista débeda senón que temos un superávit que este ano foi de 700.000 euros. Hai que ter en conta tamén que no Concello de Burela temos un bo remanente que supera o 1 millón de euros. Gustaríanos, e xa se reclamou a través da FEGAMP e da FEMP, que existan posibilidades de investimentos para mellorar os servizos sociais, as infraestruturas, e aquilo que sexa bo e que repercuta nos veciños de Burela”.
O rexedor manifestou que “é unha satisfacción, pero loxicamente temos uns cartos que queremos investir, e polo tanto insistiremos a través da FEMP e da FEGAMP e dos propios Concellos, para que se chegue a un acordo e poder gastar esas partidas da mellor maneira posible, sempre pensando no beneficio común de todos os veciños”.

Exit mobile version