Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno recibe aos nenos e nenas saharauis que pasan o verán na provincia de Lugo

Lugo, 27 de agosto de 2018.- A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, recibiu hoxe a un grupo de nenos e nenas saharauis que están a pasar o verán na provincia de Lugo dentro do programa Vacacións en paz que desenvolve a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Tamén participaron no acto a deputada provincial de Promoción económica e social, Sonsoles López Izquierdo, e a concelleira de Benestar, Ana González Abelleira, así como a delegada en Lugo da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Manuela Pacín.

A subdelegada do Goberno explicou que “este é un acto de despedida logo destes dous meses de vacacións na provincia de Lugo porque algúns deles xa marchan esta semana, tamén é un acto de agradecemento pola súa xenerosidade, ás familias que os acolleron durante este verán en distintos concellos da nosa provincia”.

Once nenos e nenas, de entre 11 e 14 anos, que pasan o verán en Lugo, Barreiros, Ourol e A Pastoriza, acompañados polas súas familias de acollida visitaron a Subdelegación do Goberno en Lugo antes de poñer fin ás súas vacacións en Lugo. O mércores, día 29, marchará o primeiro grupo logo dunha estadía de dous meses. O último grupo deixará Lugo o día 10 de setembro.

A celebración desta visita dos nenos e nenas saharauis á Subdelegación do Goberno foi un dos temas que tratou Isabel Rodríguez no encontro que mantivo o pasado 13 de agosto coa presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla.

Exit mobile version