Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aclara que o PAI de Muras contaba con permiso de inicio de actividade desde novembro do ano 2017

Muras, 18 de agosto de 2018.- A Delegación territorial da Xunta en Lugo aclarou que o Punto de Atención á Infancia (PAI) de Muras contaba con permiso de inicio de actividade outorgado pola Consellería de Política Social desde o pasado 23 de novembro do ano 2017 e, en consecuencia, desde esa data o Concello puido poñer en servizo estas instalacións.

Polo tanto, non é posible reprochar á Xunta, como fixo o alcalde desta localidade, Manuel Requeijo, o retraso acumulado na apertura dunhas instalacións municipais que abriran as súas portas o vindeiro mes de setembro, case un ano despois de ser autorizadas pola Xunta.

A administración autonómica apoia e salienta a importancia de contar con servizos de conciliación e atención á primeira infancia no rural e lonxe de serlle imputable á Xunta demora algunha no outorgamento dos permisos oportunos para autorizar o novo PAI, a Consellería de Política Social intentou axilizar ao máximo a tramitación seguida polo Concello.

Desde a Xunta explican que a solicitude formulada polo Concello de Muras contía deficiencias, a xuízo do informe técnico dos servizos de inspección que requiriron a modificación do proxecto de obra o que obrigou a diversas emendas por parte da administración local, autora deste proxecto.

Con todo, a última visita de inspección ás instalacións que albergarán o PAI tivo lugar o 27 de xuño de 2017 e tras ela, o 4 de xullo de 2017, remitiuse o requirimento coas correccións a realizar. Foi o Concello quen tardou catro meses en responder a este último requirimento xa que o fixo con data 22 de novembro de 2017. A proba da celeridade da Xunta neste último trámite está en que só un día despois, o 23 de novembro de 2017 ditou a resolución de creación do PAI e o permiso de inicio de actividade correspondente.

En consecuencia, se desde a Alcaldía buscan responsables na demora da apertura do PAI terán que facelo dentro da exclusiva responsabilidade da administración local e do seu Goberno, pero nunca imputar este retraso á Xunta de Galicia, que xa fai preto dun ano, tiña outorgado os permisos oportunos.

Exit mobile version