Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 21.000 euros a colaborar coas agrupacións de voluntarios de protección civil da comarca da Mariña

Lugo, 10 de agosto de 2018.- A Xunta de Galicia distribúe preto de 21.000 euros entre once agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comarca da Mariña, en base ao programa de axudas destinadas para este fin en concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos.

A Mariña asume a terceira parte do investimento global na provincia, que ascende a 60.700 euros para un total de 33 agrupacións. Os concellos beneficiados son os de Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que con estas achegas, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza colabora economicamente coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Así, as subvencións poderán ser investidas en equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección; gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil e gastos de conservación, mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, entre outros.

Estas axudas súmanse á recente convocatoria para dotar de material ás AVPC que, cunha inversión de máis de 800.000 euros, posibilitará a adquisición de 15 vehículos pick-up todoterreos e de 20 remolques dotados con material para atención ás emerxencias. Por último, cómpre recordar tamén que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) dispón dunha ampla oferta formativa dirixida aos voluntarios.

Exit mobile version