Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina preto de 119.000 euros á contratación de cinco orientadores laborais en concellos da Mariña

Lugo, 10 de agosto de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 119.000 euros a financiar a contratación de cinco orientadores laborais que prestarán servizo nos concellos de Ribadeo e Foz, que se suman este ano ao programa, así como os de Viveiro, Cervo e Burela.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza concede unha axuda xeral de 25.000 euros por cada técnico contratado a tempo completo durante un ano.

Balseiro explicou que no conxunto da provincia a contía das axudas suman 394.000 euros para financiar a contratación de 17 orientadores laborais, que traballarán noutros tantos concellos e na Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

A Consellería incrementou nun 15 por cento o orzamento destinado aos concellos con respecto ao pasado ano, alcanzando un investimento a 343.800 euros e elevando de 12 a 14 o número de contratos subvencionados. Así, disporán dun orientador os concellos da Mariña citados e ademais os de Monforte de Lemos, Quiroga, Carballedo, Sober, Vilalba, Portomarín e Sarria. Igualmente o de Cervantes, que comparte un técnico mediante convenio con Becerreá e Pedrafita do Cebreiro, e os de Láncara, Triacastela e O Corgo, que tamén contratan conxuntamente un orientador.

Pola súa banda, a CEL recibe 50.000 euros para a contratación de tres técnicos na materia. Estes orientadores súmanse aos do Servizo Público de Emprego de Galicia, estendendo así unha rede de especialistas que pretenden mellorar a empregabilidade dos traballadores desempregados e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta pretende, ademais, potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Os orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

No conxunto da comunidade, a Xunta apoia este ano con preto de 6 millóns de euros a contratación ou mantemento de 244 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro, o que supón un 1,3 por cento máis de investimento que o pasado ano.

Exit mobile version