Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará un proxecto de recuperación ambiental da zona de especial conservación As catedrais, en Ribadeo

Ribadeo, 29 de agosto de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio financiará un proxecto de recuperación ambiental da Zona de Especial Conservación (ZEC) As Catedrais no tramo litoral de Rinlo, en Ribadeo, un espazo protexido pola Rede Natura 2000 cunha gran afluencia de visitantes.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta iniciativa desenvolverase a través dunha achega ao Concello de 13.617 euros, de xeito que a Administración local percibirá integramente a totalidade do importe subvencionable e asumirá unicamente o IVE.

O proxecto contempla actuacións de desmontaxe manual de acumulacións de pedras que proliferaron froito da acción humana dando lugar a elementos semellantes a “milladoiros”, figuras antropomorfas ou “batolitos”, e a redistribución das rochas apiladas para tratar de devolverlle á zona a súa configuración orixinal.

Outras das accións previstas son a eliminación de lixo disperso acumulado no entorno e o arrincado manual de especies herbáceas invasoras.

A iniciativa completarase coa colocación de seis paneis divulgativos sobre os valores albergados neste enclave, que incluirán información relativa ás normas de comportamento que deben seguir os visitantes cando accedan a un espazo protexido destas características.

Balseiro precisou que esta actuación enmárcase nunha orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que ten como obxectivo o financiamento de proxectos encamiñados a restaurar, preservar e mellorar espazos incluídos na Rede Natura 2000.

As actuacións executaranse nas anualidades 2018 e 2019, segundo o previsto na convocatoria. Os beneficiarios das subvencións son tanto concellos como titulares de terreos forestais e agrícolas situados nestes espazos protexidos, así como asociacións ambientalistas e de custodia do territorio con terras agrícolas situadas en áreas elixibles.

Exit mobile version