Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta incrementa en máis dun 5% as horas do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes na Mariña

Lugo, 21 de agosto de 2018.- A Consellería de Política Social vén de impulsar un plan de apoio á dependencia que supón incrementar nun 5,1% as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia na comarca da Mariña. Así mesmo, créase unha nova prestación, o Bono Autonomía en Residencia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería ten previsto volver a ampliar o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos mariñáns cun incremento de preto de 18.000 horas anuais.

Balseiro lembrou que a Consellería sufraga actualmente neses concellos 353.268 horas ao ano, que dan atención a 740 usuarios (contabilizados no segundo trimestre do ano). Con este aumento, a Xunta financiará na zona 371.196 horas de prestación anuais.

O delegado territorial afirmou que o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia, o máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda así como polas súas familias coidadoras, e representa máis do 32% das prestacións totais do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD).

A aposta da Consellería de Política Social por este tipo de servizos para as persoas dependentes é clara e decidida e, por iso, leva xa nove anos incrementando a prestación do SAF en toda Galicia.

Ademais, desenvolveu diversas melloras na xestión da asignación do servizo a través da posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos. O aumento no orzamento e na tramitación destas prestacións permitiu o incremento do número de persoas beneficiarias, xunto coa axilidade na asignación do servizo.

Balseiro sinalou que o obxectivo do Goberno galego é superar as 60.000 persoas con atención antes de que remate o presente ano no conxunto da comunidade, “unha cifra nunca antes acadada”. Este reto, avanzou, terá aparellado un investimento de 21 millóns de euros e “suporá adiantar dous anos un obxectivo que inicialmente se fixou para toda a lexislatura”. En concreto, a partir do vindeiro mes de setembro incorporaranse de maneira progresiva en Galicia 4.000 novas persoas como beneficiarias dos recursos públicos de prevención e coidado da dependencia.

Nova prestación
O Bono Autonomía en Residencia consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública. Deste xeito, a aqueles que estean pendentes de recibir un recurso de atención residencial e non perciban ningunha outra prestación das incluídas no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, a administración ofreceralles unha libranza vinculada para a adquisición dun servizo de atención residencial co fin de sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agarda, si así o desexa, pola súa incorporación a unha praza nun centro público. Os beneficiarios recibirán de media 490 euros ao mes, podendo percibir un máximo de 715 en función do grao de dependencia recoñecido e da súa capacidade económica.

Exit mobile version