O artista barreirense Celso Dourado explicou que “o concerto de onte foi o máis numeroso dos que se celebraron ao longo destes 10 anos no Eido Dourado. Contamos cunhas 400 persoas. Os xardíns quedáronse pequenos para acoller a todo o público que nos acompañou, incluso houbo xente que seguiu o concerto desde a estrada. A noite foi espléndida e o concerto que ofreceu a Banda da Loba unha auténtica loucura”.
Antes do remate do concerto Xiana Lastra deu lectura á carta de despedida do Eido Dourado, escrita polo seu promotor, Celso Dourado, que remataba así: “desexamos que a semente plantada ao carón da praia da Pasada agrome con forza nalgún lugar non lonxe de aquí, que pervivan en nós as lembranzas deste espazo máxico cheo de creación e de vida, onde cando menos procuramos facer as cousas ben, con poucos medios e altas pretensións. Finalmente, unha vez máis, como non podería ser doutra maneira, apertas e resistencia sempre”.
Xa hai uns días, cando se presentou o concerto da Banda da Loba, Celso Dourado deixou clara a súa postura: “o espírito do Eido Dourado espero seguir manténdoo, case con total seguridade, salvo que cambien moito as cousas, fora de Barreiros”.