Burela, 6 de agosto de 2018. As rutas xeolóxicas e a da lonxa enchéronse todos os días do mes de xullo, polo que o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, considera que son un éxito e un reclamo para os turistas. Pola oficina de turismo de Burela pasaron 2.000 persoas en xullo e 900 visitaron o barco museo.
O edil burelés dixo que “polos datos que manexamos tanto desde a oficina de turismo como do barco museo houbo un pequeno descenso de visitas este ano, que entendemos que se debe á climatoloxía que non nos axudou moito a atraer visitantes. Aínda que o descenso é pequeno é verdade que non cumprimos as expectativas con respecto ao ano pasado. Arredor de 2.000 persoas pasaron pola oficina de turismo e preto de 900 fixeron a súa visita ao barco museo”.
As rutas xeolóxicas e a ruta da lonxa están a resultar un auténtico reclamo: “en canto ás rutas xeolóxicas estamos moi satisfeitos, aínda que no mes de xuño non se conseguiron cubrir ao cen por cen, pero si en xullo, e a previsión é que en agosto estean tamén completas, co cal entendemos que é unha iniciativa que segue atraendo turistas e que vamos seguir apostando por ela. E as rutas pola lonxa son un éxito total, pois estamos enchendo ao cen por cen todos os días da semana, o que fai indicar que é unha actividade moi atractiva para a xente que nos visita e tamén para moita xente de Burela que tamén se anima a facelo porque hai veciños de Burela que nunca tiveron esa experiencia de vivir a venta do peixe”.
Ramiro Fernández engadiu que “en base a estes datos e tamén polo que nos remiten os hoteis cos que estivemos en contacto, as previsións para agosto son positivas, a ocupación hostaleira vai roldar o cen por cen en practicamente todos os hoteis. Esperamos que este pequeno descenso que houbo no mes de xullo se vexa compensado en agosto e poidamos seguir medrando turisticamente, que é o que pretendemos”.