O delegado realizou estas declaracións durante a visita á Casa Niño de Ourol, aberta o pasado mes de abril grazas a unha achega da Consellería de Política Social, que da servizo a cinco nenos e nenas do entorno; funciona en horario de 10 a 18 horas. Balseiro destacou que o Goberno galego “financia integramente a posta en marcha e o mantemento do servizo, que é gratuíto para as familias”.
As Casas Niño son un recurso destinado a atención de nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade nos concellos de menos de 5000 habitantes nos que non exista ningún outro servizo de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos.
Balseiro lembrou que durante este mes está aberto o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á nova convocatoria de axudas para a posta en marcha de 15 novas Casas Niño no rural galego.
Terceira convocatoria
Esta convocatoria, a terceira que habilita a Administración autonómica para subvencionar estes recursos, está dotada de 1.205.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Coas dúas primeiras convocatorias puxéronse en marcha na provincia trece establecementos deste tipo para atender á poboación doutros tantos municipios.
A novidade que presenta a orde deste ano con respecto ás anteriores é que no suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan terán prioridade as solicitudes de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello no que se sitúe a Casa Niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade.
Cada Casa Niño atenderá un máximo de cinco nenos ou nenas á vez, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nas instalacións. Estes fogares ofrecerán unha atención integral e personalizada na modalidade de atención diúrna de luns a venres e as familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias, nun horario que se pactará co/a profesional. O servizo comprenderá a atención específica das necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa idade e a contribución ao desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social do neno ou nena.
Esta liña de axudas está dirixida a persoas físicas e a cooperativas de traballo asociado que estean en posesión ou conten cunha persoa socia co título de técnico/a superior en educación infantil, co grao en mestre/a de educación infantil ou primaria, grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social. Tamén poderán optar aquelas persoas que posúan o diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das Casas Niño impartidos pola Xunta de Galicia, así como aquelas que presenten formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.