Burela, 3 de agosto de 2018. O Concello aprobou, no pleno celebrado onte, a realización dunhas obras na Marosa destinadas ao servizo de socorrismo e para os usuarios dese areal. Na sesión tamén se acordou o incremento salarial para os funcionarios, que será do 1´5% en xaneiro de 2019, e do 0´25% en xullo dese ano. Ademais o alcalde, Alfredo Llano, anunciou que se creará unha comisión que estudará os vestixios do franquismo en Burela. O pleno aprobou tamén a instalación de puntos morados para ofrecer información sobre violencia de xénero e agresións durante a celebración de festas que reúnan a unha grande afluencia de asistentes.
O rexedor burelés salientou que “un dos puntos era aprobar unha obra que se vai acometer na Marosa onde temos os socorristas, onde están os servizos sanitarios. Imos facer alí unha boa obra, que creo que vai servir para local dos socorristas, para atender ás persoas que tiveran necesidade de ser socorridas, e tamén mellorar os urinarios, os servizos sanitarios e todo o espazo. É unha obra que xa levamos tempo querendo facela e agora vai ser posible”.
Alfredo Llano contou que “tamén se aprobou unha ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras no concello de Burela, son o que se denominan por comunicación previa. Aquí fíxose unha adaptación, unha mellora extraordinaria que fixo a nosa unidade técnica, a arquitecta técnica, para conseguir varias cousas, como dar unha participación igualitaria a todo o mundo, que todos os veciños teñan os mesmos dereitos, que se sintan iguais cando se fai a petición da realización de obras. Tense detectado que as veces non coincidía a obra solicitada coa obra rematada, e polo tanto o que se fixo desde a unidade técnica é marcar dúas situacións diferenciadas. Unha sería para obras maiores de comercios ou de hostalería e de vivendas, e despois hai outra na que hai que pagar segundo sexa a obra. Esperemos que con esta medida, que facilita moitísimo a labor de quen solicita a obra, por un lado se mellore a igualdade para todos os veciños e por outro o Concello garántese que cobra o que ten que cobrar, desa maneira non hai ningún problema na recadación”.
O alcalde sinalou que “tamén aprobamos a suba salarial dos funcionarios, dado que iso xa estaba contemplado nos Orzamentos Xerais do Estado, e houbo unanimidade nisto. Hai que lembrar que teñen unha suba a partir de xaneiro do 1´5%, e despois do 1 de xullo, derivado do incremento do PIB, sóbese un 0´25%. Polo tanto aprobamos que se incremente o salario nun 1´75% a partir do 1 de xullo”.
Llano relatou que “no apartado de mocións había unha do BNG que solicitaba que se retirara o título de Fillo Predilecto de Burela a Eijo Garay e a rúa que leva o seu nome. Nosoutros presentamos unha emenda de substitución, ademais está contemplado na lei da memoria histórica, na que se recolle a creación dunha comisión de expertos para o seguimento e información dos vestixios franquistas no noso concello. Agora mesmo non era o momento de cambiar de forma automática o nome dunha rúa, hai que argumentalo e xustificalo. Polo tanto aprobamos a nosa emenda para crear esa comisión. Había outra moción para declarar persoas non gratas aos compoñentes da Manada. Nosoutros, aínda que estamos na defensa da vítima, temos que respectar a decisión dos tribunais e aínda non é firme a resolución, polo tanto a ver como resulta e si se considera un abuso sexual podemos retomar este tema e votar a favor de nomealos persoas non gratas, pero mentres é mellor agardar. Por iso votamos esa moción en contra. Había outra moción presentada polo grupo socialista para a creación de puntos morados cando haxa un evento con moita xente, que se teña un sitio onde informarse por se hai que atender algunha situación agresión, de violencia de xénero”.