Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “Unha ollada por Sargadelos”

Sargadelos é unha pequena localidade sita no municipio lucense de Cervo, enclavado na comarca da Mariña, aínda que para moitos a nomenclatura refira a unha cerámica de coloracións e tonalidades brancas e azuis.
A mediados do pasado século XX o grupo Sargadelos (grupo de empresas Sargadelos/ Cerámica O Castro), baixo o pulo ininterrompido do ceramista Isaac Díaz Pardo, foi acadando éxito comercial e recoñecemento como figura de vangarda.
Díaz Pardo tomaba o relevo na enésima resurrección daquela manufactura de cerámica, fundada no comezo do século XIX por Antonio Raimundo Ibáñez, que sería condecorado por Carlos IV como marqués de Sargadelos e conde de Orbaiceta. Á incontrovertible calidade da materia prima habería que engadirlle a modernidade imprimida por Isaac, que no 1955 marchaba deica Arxentina para xuntarse con Luis Seoane, Andrés Abalat e Fernando Arranz creando o Laboratorio de formas.
O novo Sargadelos era unha empresa con corazón que, namentres se consolidaba no mercado e daba de comer á xente, facía proselitismo cultural. Así representábase en cerámica a Rosalía, a Valle Inclán, a Castelao e a Machado ao tempo que se poñía en marcha una editorial – Edicións do Castro-, un museo de arte contemporáneo –Museo Carlos Maside- ou se fundaba o Seminario de Estudos Galegos.
Todo este relato inicial é cumpridamente coñecido por todos vostedes, máis sempre é preciso facer un introito para poder aterrar.
Tamén saberán que os días de viño e rosas chegaron ao seu fin tamén en Sargadelos, coa vellez da alma mater do proxecto conxugáronse as disputas internas na administración; logo chegaría o finamento de Isaac, os fatídicos ERE´s e un concurso de acredores.
Vimos de saber a pasada semana do despedimento de 49 empregados que foran previamente contratados polo novo conselleiro delegado, Segismundo García, para sacar á firma da agonía.
O accionista maioritario do grupo Sargadelos xa levaba tempo disparando, e non hai moito tempo apuntaba ós sindicatos, á lexislación laboral española, á xustiza, ós administradores concursais e ós xuíces. Lembro un artigo de prensa a unha cara, asinado o pasado ano polo propio Segismundo, onde sinalaba directamente ó por aquel entón maxistrado Luis Villares.
Coido que a situación económica da empresa que motiva o concurso, a xestión da mesma ou o contido das resolución xudiciais relativas aos ERE´s, son circunstancias que, nun oportuno exercicio de prudencia, non deberan ser valoradas por este locutor.
Tan só quixera, a modo de opinión, poñer o acento sobre un extremo: o Sargadelos que nós coñecemos non só foi unha empresa, era unha idea e tiña alma. Os negocios nacen e morren cando deixan de ser rendibles, as ideas abrázanse e son coma a razón, deféndense por si soas. Tempos mellores virán.

Exit mobile version