Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnoliasl. “Memoria Histórica”

O Ser de España ou O Problema de España é o nome que habitualmente se usou para referir a un debate intelectual que naceu co rexeneracionismo a finais do século XIX. Así, Machado acuñou o concepto tópico das Dúas Españas, metáfora da división violenta e o enfrontamento como característica contemporánea do país.

Máis dun século despois do Ser de España, aínda segue a existir coa mesma vitalidade o conflito a propósito de cales son “as esencias” de ser español, e por enriba de todo, por que isto é algo problemático en si mesmo, fronte ao maior consenso noutras nacións máis exitosas na súa definición.

Non quixera caer na inxenua pretensión de dar unha resposta a esta cuestión que involucrou e concitou a pensadores como Ortega, Unamuno, Ramiro de Maeztu ou o propio Castelao.

Sen embargo compre apuntar que o quid da cuestión nacional sempre tivo o seu corazón no relato histórico, na Memoria.

Nestes días, por toda a xeografía do estado, as Dúas Españas volven a desafiarse co pretexto da exhumación de Franco, da modificacións dos rueiros con nomes franquistas ou de cuestións xurídicas vencelladas á Lei de Memoria Histórica.

Ao respecto de todas estos temas, no ano 2014, o relator internacional da ONU, Pablo de Greiff, emitía un informe sobre as medidas adoptadas polo Goberno de España, a propósito das violacións de dereitos humanos durante a Guerra Civil e a dictadura franquista. A conclusión era que o estado fixera pouco -e en ocasións mal- pola búsqueda da verdade e da xustiza, e pola reparación das vítimas.

O tal de Greiff afirmaba que “varios representantes enmarcaron as discusións no seguinte esquema: ou todos concluímos que xa estamos reconciliados ou a única alternativa é o rexurdir dos odios preexistentes…” Ou comigo ou contra min.

A miña pequena aportación, a modo de opinión, quere por o acento sobre unha cuestión de natureza pedagóxica, educacional, cultural, de civismo.

Pois, en verdade, levan razón algúns cando apuntan que a retirada de símbolos ou de nomeamentos nas rúas, até a exhumación de represaliados, son cuestións secundarias.

Nunha sociedade española conformada xa polos fillos, netos e bisnetos dos contendentes da guerra, a gran asignatura pendente non é o cumprimento da legalidade, senón a impostura histórica.

Tan só así poderemos entender que a guerra civil tan só foi un golpe de estado militar orquestrado o 18 de xullo de 1936 contra o goberno electo, que até o 1 de abril do 39 unha España tivo que someter á outra coa rápida colaboración militar da Alemaña nazi e da Italia fascista.

Que a vitoria do bando nacional trouxo consigo a consolidación dun réxime ditatorial de clase no que se seguía purgando despois do 39.

Que a implantación dunha política económica baseada na autosuficiencia, no estado e na reivindicación do espírito nacional, supuxo unha regresión marcada polo afundimento da produción agrícola e do desenrolo industrial. Foron os “anos da fame”, do mercado negro e do estraperlo.

Alexandre Bóveda e Lorca foron asasinados, Machado, Castelao, Picasso exiliados e Miguel Hernández encarcerado.

A socioloxía franquista trouxo consigo un capitalismo de estado clientelar que permite explicar a condición de lobbista do monarca emérito, a relevancia dos caciques, as administracións reféns, o papel da igrexa no estado e os vínculos co poder de empresarios como César Alierta, Florentino Pérez, Arturo Fernández, Isidro Fainé ou Emilio Botín…

Máis aló da aplicación de calquera tipo de legalidade é preciso tomar conciencia radical de que figuras como Sanjurjo, Queipo de Llano, Mola, Gomá, Eijo Garay ou Pla Deniel son a representación meridiana do máis escuro do pasado. “Que (en España) para facer cumprir as mentiras do presente, foi preciso borrar as verdades do pasado.”

Exit mobile version