Site icon Crónica3.com A Mariña

Deron comezo as obras de saneamento en Meirengos, na parroquia da Devesa. O investimento é de 11.500 euros con cargo do plan único da Deputación provincial

Ribadeo, 28 de agosto de 2018. Deron comezo as obras de saneamento no barrio de Meirengos, na parroquia da Devesa. O investimento ascende a 11.500 euros e o prazo de execución é dun mes. Estes traballos fanse con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde ribadense.
Fernando Suárez explicou que “pouco a pouco desde o Concello de Ribadeo, e coa axuda da Deputación de Lugo a través do Plan Único, seguimos ampliando o saneamento nas parroquias. Neste caso no barrio de Meirengos, na parroquia da Devesa, onde imos dotalo de saneamento”.
O rexedor dixo que “son 125 metros de lonxitude onde imos dotar de saneamento, e posteriormente, noutra fase que xa está adxudicada, imos dotalo tamén dunha nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico, para que este viario que comunica este barrio de Meirengos, dentro de moi pouco tempo se atope cunha calidade óptima, dado que nos últimos anos tivo bastantes problemas de fochancas, etc…”.
Suárez Barcia engadiu que “nestas obras, que empezaron onte e teñen un mes de prazo de execución, o valor da adxudicación foron 11.500 euros e a empresa adxudicataria, a que fixo mellor oferta, foi Coto Estudios e Construcións”.
O alcalde de Ribadeo comentou que “seguramente que os veciños de Meirengos van estar durante uns días bastante molestos polos ruídos, as obras, as molestias e a incapacidade de acceder ás súas vivendas con comodidade, pero estou seguro de que dentro dunhas semanas todos estes problemas tornaranse en algo positivo para o lugar onde viven habitualmente”.

Exit mobile version