Site icon Crónica3.com A Mariña

“Eijo Garay: benefactor de Burela VS. bispo franquista.”

As dúas ideas que dan título a este artigo representan as dúas caras dunha mesma moeda, encarnada neste caso na figura do bispo e “Patriarca de las Indias Occidentales” Leopoldo Eijo Garay. Estas dúas ideas son os argumentos centrais que esgrimen unhas e outras persoas no debate sobre a conveniencia ou non de retirar unha rúa e título de fillo adoptivo de Burela a Eijo Garay.

Os primeiros afirman que o bispo foi unha persoa que influíu na construción do porto de refuxio de Burela, iniciado en 1931 e obra fundamental no posterior desenvolvemento económico de Burela. Os segundos defendemos que o papel que xogou activamente o bispo de Madrid-Alcalá na lexitimación do golpe militar do 36, así como o seu apoio explícito á ditadura franquista son motivos máis que suficientes como para retirar todo tipo de “honores” a D. Leopoldo.

Tentaremos nestas liñas explicar da forma máis clara posíbel o sentido do segundo argumento, non para convencer aos defensores da primeira idea, senón para tentar aclarar a firmeza das nosas xustas demandas para retirar unha rúa e título de fillo adoptivo de Burela a Eijo Garay.

En primeiro lugar, hai que sinalar os antecedentes que motivaron a construción do porto de abrigo de Burela. Esta obra de vital importancia para o futuro desenvolvemento da actividade pesqueira, non se entende sen a creación do Pósito de Pescadores, no ano 1923, coa axuda inestimábel do mestre Camilo Fernández Díaz, coñecido popularmente en Burela como “D. Camilo”.

O que fora cronista de Burela, Ricardo Pena recolle no seu libro “Burela. Apuntes Históricos y Crónica del Siglo XX”, a seguinte información sobre o mencionado mestre: “a él se debe la fundación y puesta en marcha del Pósito de Pescadores en 1923. Él dirige, después, las gestiones para la construcción del primer muelle en 1931”. O propio Pena, cita literalmente un fragmento da acta do Pósito de Pescadores, do 11 de xaneiro de 1931 onde se di: “ver con la mayor satisfacción cómo al fin el Gobierno hizo un acto de justicia accediendo, merced a las hábiles gestiontes llevadas a cabo por el maestro Nacional e Inspector Local de este pósito D. Camilo Fernández Díaz y secundadas por esta Junta, a la construcción del puerto de refugio para pescadores de Burela”.

Olga Suárez Mesías, no libro “Memoria do Oficio do Mar en Burela”, sinala que “dende a fundación do Pósito en 1923, o domicilio social da asociación cooperativa de pescadores estivo nun local cedido polo mestre Camilo Fernández, ata que no ano 1929 se traslada á propiedade dun socio armador-patrón de pesca, ao que se lle pagaba unha renda anual de 75 ptas”.

Se ben é certo que ambos libros recollen que efectivamente Eijo Garay sería nomeado Patrón Honorífico do Pósito de Pescadores en 1931 como recoñecemento polas súas xestións como mediador ante a administración, cremos que o papel do bispo na construción do porto non chegaría a materializarse se non fora polo traballo desinteresado da comisión que representaba ao Pósito e do propio inspector local do Pósito, o mestre D. Camilo Fernández Díaz. Eijo Garay foi un intermediario entre o traballo dun grupo de persoas que se organizou para conseguir melloras para o porto de Burela e as “altas instancias” da administración do momento, froito dunha maneira de facer e entender a política propio da época que para nada se corresponde co sentido que han de ter as institucións públicas. Eijo Garay actuou como mediador e non como actor principal daquela iniciativa. Aínda que non imos entrar no debate sobre a importancia do papel desenvolvido polo bispo nas xestións levadas a cabo para a construción do porto de abrigo, si que nos pareceu importante explicar o contexto no que foron realizadas esas xestións.

Aclarado este primeiro aspecto, temos que comentar unha segunda cuestión que é a que realmente motiva e xustifica a nosa demanda. Con independencia do papel desenvolvido polo bispo de Madrid na construción do porto de Burela, non podemos obviar a súa traxectoria como persoa influínte dentro da xerarquía eclesiástica española. A figura do bispo Eijo Garay non se pode analizar exclusivamente desde unha perspectiva local, sen ter en conta outras facetas destacadas da súa vida. Para valorar a Eijo Garay na súa xusta medida hai que sinalar o papel que desenvolveu como bispo de Madrid-Alcalá, onde se significou como un dos principais actores na defensa do golpe militar do 36, liderado polo xeneral Francisco Franco. (Mentres Eijo Garay paseaba pola rúas de Vigo escoltado polos militares sublevados en agosto do 36, Alexandre Bóveda era fusilado en Poio e o mestre e Inspector Local do Pósito de Burela Camilo Fernández era expedientado e desterrado). Foi tamén impulsor da idea de cruzada relixiosa para salvación de España e redactor da Carta colectiva dos bispos españois de 1937, xunto ao cardeal Isidro Gomá. Nela, a igrexa católica proclamaba o “sentido cristiano de la guerra” e a necesidade de exterminar a un inimigo “ateo y extranjero”. Eijo Garay entronizou ao ditador Franco baixo palio en 1939, rendendo os máximos honores da igrexa católica a un réxime que se caracterizou pola represión atroz contra calquera persoa que non comungara co novo poder ou que fose sospeitosa de afiliación política ou sindical.

A rúa e título de fillo adoptivo de Burela foron concedidos a Eijo Garay en 1950, en plena ditadura franquista e nun contexto político no que a exaltación de figuras destacadas do réxime era unha práctica habitual. Manter unha rúa a unha persoa que se significou no apoio á figura do ditador Francisco Franco e a un réxime que practicou a represión e o terror por sistema é impropio dunha sociedade que se di democrática. Cremos que sobran os motivos para retirar unha rúa e o título de fillo adoptivo de Burela a Eijo Garay. Trátase unicamente dunha cuestión de vontade política e de emendar un erro histórico que debera estar reparado hai moito tempo.

Curiosamente, o que fora mestre de Burela, D. Camilo Fernández Díaz, sería expedientado e desterrado por razóns políticas a partir do 36 e a diferenza de Eijo Garay non sería lembrado con ningunha rúa nin tampouco sería recoñecido como fillo adoptivo de Burela durante a ditadura franquista. Nas Actas do Congreso Internacional sobre “O exilio galego”, as profesoras Emilia García López e Hermina Pernas Oroza, indican que “Camilo Fernández, quen desempeñaba ademais [de mestre] os cargos de secretario e Inspector Local do Pósito burelao, viuse suspendido das súas funcións por orde do alcalde, transmitida ao presidente do Pósito”. En cita a pé de páxina, as autoras engaden: “O presidente da devandita entidade expón en asemblea a orde recibida dende a alcaldía, perante a que o secretario pon o seu cargo a disposición da Xunta de Goberno, que acepta a súa demisión con profundo sentimento “al vernos privados de la eficacia y fiel colaboración que el señor Fernández prestó a esta entidad desde el año 1923 hasta la fecha”. (Acta do día 25 de agosto de 1936).

A reparación moral das vítimas da represión franquista debera ser unha teima por parte das institucións públicas que se din democráticas, máis aínda cando se estima que permanecen desaparecidas 800 vítimas mortais da Guerra Civil en Galiza. A pervivencia de rúas, placas, nomeamentos honoríficos, medallas e outras distincións semellantes a persoas que colaboraron activamente ou tiveron un papel destacado no réxime saído do golpe do 36, constitúen un insulto á memoria de todas aquelas persoas represaliadas por defenderen as súas ideas políticas e o goberno legalmente constituído. Cremos que sobran pois os motivos para retirar todo tipo de “honores” ao bispo Leopoldo Eijo Garay, e que nada pode xustificar a permanencia dunha rúa dedicada á súa persoa, por moito que algunhas persoas teimen en defender o indefendíbel.

Mario Pillado Mon
Voceiro do BNG en Burela

Exit mobile version