Site icon Crónica3.com A Mariña

Empezan as Xornadas Memoria dun tempo

Mañón 21-8-18. Coa proxección do documental “Asolagados” comezará este xoves 23 de agosto a oitava edición das xornadas “Memoria dun tempo” que organiza Nordés, a asociación polo desenvolvemento das Terras da Faladora.
Nesta ocasión as xornadas adicaranse ao mundo rural baixo o franquismo, de como este réxime supuxo unha serie de trocos na sociedade rural galega, non soio pola desfeita acometida de todo o que foi a obra da II República, sobre todo nos aspectos culturais, ideolóxicos e asociativos, senon tamén pola imposición dunhas políticas que ían contra unha forma de vida e de facer as cousas.
Exemplo destas políticas foron reforestación forzada do comunal, accións de concentración parcelaria, o fomento da especialización leiteira, a labor do Servicio de Extensión Agraria ou o que é o argumento do documental “Asolagados”, a construcción de obras públicas, neste caso o encoro do Belesar no ano 1963, que supuxo a desaparición baixo as augas de Portomarín e as terras da súa contorna.
Para falar dos feitos e do documental contaremos coa presenza do seu director, quen aproveitou a baixada do nivel das augas no 2011 para gravar imaxes do pobo e os lugares desalagados despois de case 50 anos.
E para profundizar neste tema do franquismo no rural contaremos con Alba Díaz Geada, compoñente do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da Universidade de Santiago, quen presentará parte das súas investigacións nun relatorio baixo o título de “Políticas para a modernización do rural galego durante o franquismo”.
Ámbolos dous actos terán lugar no Salón de Actos da Casa do Concello de Mañón en O Barqueiro, empezando ás 20:00 horas.
As xornadas rematarán o sábado 25 coa VI Homenaxe a Republicanxs e Libertarixs que se fai ao pé do monolito en memoria dos represaliados e represaliadas polo franquismo no lugar da Ponte Vella de O Barqueiro. Tal acto comezará ás 12 da mañá e está aberto á participación das persoas que asistan en forma de poema, lectura de textos, cancións ou cunha sinxela flor.

Exit mobile version