O presidente de Apaga, Álvaro Doural, declarou que “hoxe empeza o Fórum con actividade enfocada principalmente á xente de empresa para tratar o tema do vehículo eléctrico, o seu mantemento e a súa diagnose. A firma alemana Leybold desprazou a Ribadeo unha serie de equipos para poder ensinar á xente que veña”.
Será mañá, día 29, cando dean comezo as actividades do Fórum destinadas ao profesorado de automoción. Haberá diferentes charlas nas sesións matinais e polas tardes serán os talleres de soldadura, climatización ou aerografía, entre outros.
Doural confirmou que “andamos sobre os 60 participantes aínda que, como non se paga cota de inscrición, hai algunha xente que se apunta e despois non vén e outra que aparece sen estar inscrita. Principalmente son de Galicia e Asturias, pero tamén veñen grupos de Zamora e Toledo. E como este ano temos actividade externalizadas, en Madrid e en Pamplona, a xente repartiuse. Esta é unha novidade nesta edición do Fórum coa idea de seguir facendo algunha cousa máis ao longo do curso, dependendo da colaboración das empresas, aínda que seguiremos coa sede en Ribadeo en principio e actuando desde aquí”.
A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia conta “con grupos importantes de socios en Murcia, en Pamplona, en Madrid e en Toledo, aínda que a maioría seguen sendo de Galicia”, engadiu Álvaro Doural.