Senra explica no seu escrito que este antigo poboado fortificado da idade do ferro está incluído no catálogo urbanístico municipal como espazo protexido e a súa cualificación é de solo non urbanizable de protección patrimonial. Así mesmo, informálle á Comisión Europea de que as entidades Mariña Patrimonio e Adega denuncian que o uso que se lle está dando non é compatible con estas figuras de protección e que a utilización deste espazo como aparcadoiro podería estar provocando danos nun ben patrimonial especialmente vulnerable. “Parece obvio que permitir aparcar autocaravanas enriba dun ben patrimonial, como o xacemento arqueolóxico do Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, contravén claramente as prácticas de protección do patrimonio cultural europeo”, defende a eurodeputada.
Senra pregúntalle á Comisión Europea que recomendacións fai para frear a constante deterioración do noso patrimonio e se podería actuar ou sancionar ás Administracións que non cumpran cos parámetros de protección, como é este caso. A Comisión Europea deberá dar unha resposta nun prazo de entre 4 e 6 semanas.