Site icon Crónica3.com A Mariña

Luisma: ‘o importante para min é que o equipo consiga as metas e o club siga medrando

Burela 17-8-18. Para Luis Martínez Somalo, Luisma, esta será a segunda campaña no Pescados Rubén Burela FS. Coa súa habitual serenidade e humildade, o pivote logroñés confesouse, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o secretario, José Anxo Dovale, esperanzado e motivado co horizonte que se debuxa para esta tempada: “O importante para min é o equipo, que o equipo consiga as metas que nos marcamos e que o club siga medrando. Somos ambiciosos e queremos mellorar o que logramos a tempada pasada; viñamos dun descenso e malia iso conseguimos facer un gran papel, co título de Copa Galicia e pelexando ata o final polo ascenso” valoraba o 6 burelista, que despediu 2017-18 como máximo goleador e mellor xogador do equipo mariñán: “Tiven esa sorte, para min é estraño. Son máis un xogador de equipo. Estou moi ilusionado, con ganas de que empece xa a liga e de conseguir o obxectivo que o ano pasado se nos escapou”.

Boas sensacións na Veiga

“Para sacar conclusións é un pouco cedo. O noso traballo de pretempada ata agora foi sobre todo físico, con Mera, pero este tipo de probas veñen ben para coller sensacións e ir axustando ás incorporacións” falaba así o logroñés da estrea de pretempada de onte sobre as pistas, na Veiga, con 0-0 ante Boal FS, de Segunda B, e 1-2 ante O Parrulo, de Primeira: “Foron dous partidos moi distintos, foi un torneo máis para sacar sensacións que para extraer conclusións. Creo que estivemos mellor co Parrulo. Fomos de menos a máis; Boal pechouse e non soubemos ler moi ben a súa defensa e temos que mellorar ese aspecto porque na liga imos atopar rivais así cos que imos ter que traballar en media pista. Co Parrulo xa se viron indicacións do que pode dar este equipo, ademais metemos un gol de estratexia, no que xa traballamos estes días” analizaba o protagonista goleador, a pase de Pitero.

Movistar, en Marín

A próxima proba para os de Juanma será mañá en Marín, fronte a Movistar Inter (19.30 horas). “É o mellor equipo do mundo, arrasa en todas as competicións. Serviranos para seguir collendo sensacións, para mellorar sobre todo aspectos defensivos. Xogando contra os mellores é cando máis se aprende e este partido serviranos para seguir collendo confianza e ritmo” explicaba Luisma.

Exit mobile version