Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1.100 persoas realizaron a Ruta da Lonxa en Burela entre o 16 de xullo e o 31 de agosto

Burela, 31 de agosto de 2018. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, fai un balance moi positivo da acollida que tivo a Ruta da Lonxa, pola que pasaron máis de 1.100 persoas desde o pasado 16 de xullo e ata o día de hoxe, que é cando rematan.
As persoas que realizaron onte, xoves, a visita á lonxa puideron asistir á poxa en directo, e ver peixes como douradas de 4 quilos, robalizas de 5´7 quilos, raias de 10 quilos, rapes brancos de 13 quilos, congros de 19 quilos ou rodaballos de 6´6 quilos. Moitas persoas mostráronse sorprendidas pola grande variedade e cantidade de peixe que onte á tarde había na lonxa burelesa e polos tamaños dalgúns exemplares.
O edil de Turismo en Burela dixo: “o balance das visitas organizadas á lonxa non pode ser máis que moi positivo. Cubrimos todas as visitas ao 100%, incluso algún día permitimos que viñera algunha persoa máis do cupo de trinta que tíñamos. Normalmente viñan trinta e cinco persoas, e desde o 16 de xullo, que empezamos con esta iniciativa, ata o 31 de agosto tivemos o 100%, co cal o balance evidentemente é positivo”.
Ramiro Fernández Rey quixo “agradecer a ABSA a súa disposición a levar a cabo esta enorme iniciativa turística en Burela, que eu penso que vai ser bo tanto para ABSA como para o Concello e os datos así o demostran”.
O concelleiro burelés subliñou que “ademais dos visitantes que viñeron de fora houbo moitísima xente de toda a Mariña que pediu cita para poder facer esta visita, moita xente do pobo que non tivo nunca esa curiosidade de facer esta visita, estivo facéndoa e para nós tamén é unha labor pedagóxica de cara aos veciños e veciñas do pobo para que valoren o peixe que temos aquí e a calidade dos produtos que estamos vendendo na nosa lonxa”.
Fernández Rey contou que “estiven comentando coa técnica de Turismo que habería que mirar a maneira de poder ampliar un pouquiño máis esta iniciativa posto que acabamos o 31 de agosto e estou segurísimo que ao mellor ata o 15 de setembro poderíamos ter a mesma xente que tivemos ata agora porque foi un auténtico éxito e estamos moi contentos e orgullosos desta iniciativa”.
Rutas xeolóxicas
O concelleiro de Turismo tamén se referiu ás rutas xeolóxicas: “as rutas xeolóxicas, quitado xuño que tivemos un pouquiño de menos de xente, o resto en xullo e agosto estiveron totalmente completas”.
Para Ramiro Fernández Rey “é outra iniciativa que puxemos en marcha desde que chegamos ao goberno e da que estamos tamén especialmente orgullosos e que imos seguir potenciando e traballando nelas. Xa vemos que hai outros concellos que nos están un pouquiño imitando nestas iniciativas. Eu penso que é bo para toda a Mariña que este tipo de iniciativas vaian adiante e cantas máis mellor, todas serán benvidas”.

Exit mobile version