Esta semana foi a quenda do Fútbol 7×7 no campo de A Veiga. Os encontros disputáronse nas xornadas do luns, martes e onte mércores cando tiveron lugar as semifinais e finais, ante numeroso público que se congregou no lugar para presenciar a competición.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e a edil de Xuventude, Dolores García Caramés, presenciaron os diferentes partidos e fixeron entrega das medallas aos equipos gañadores que resultaron ser por categorías o Fornite (Sub 10), Aloe Vera (Sub 12), Aloe Vera (Sub 15), Furia Negra (Sub 17) Furia Negra (Senior).
Tel e como sinalou o rexedor “foron unhas Noites de Fútbol 7 moi exitosas, xa que contamos con 22 equipos, a pesar de que moitos clubs xa teñen iniciada a súa pretempada a estas alturas de verán”.
Villares recordou que no mes de xullo foron máis de 300 os participantes dunhas Noites Alternativas adicadas ao Kaiak, ao Fútbol Praia ou ao Vollei Praia, “son cifras moi positivas que nos fan sentir satisfeitos da axenda ocio-deportiva que deseñamos para este verán e que vemos que está a motivar moito aos rapaces, que están involucrados ao 100%”.
A filosofía deste equipo de Goberno, como vimos dicindo, “pasa por promover hábitos de vida saudables e a práctica deportiva no seu conxunto, neste caso en equipo, fomentando valores como a solidariedade, o compañerismo, e favorecendo a socialización dos máis novos”.
As Noites Alternativas do mes de agosto finalizan este venres co pádel.