Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 25.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e As Catedrais durante o mes de xullo. Medran, segundo Ana Martínez, as viaxes organizadas

Ribadeo, 6 de agosto de 2018. Máis de 25.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e da praia das Catedrais durante o mes de xullo. Trátase dunha cifra sensiblemente inferior á do ano pasado debido ao tempo inestable que se rexistrou o mes pasado en toda a comarca da Mariña. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, subliña que se incrementaron as viaxes en grupo, as viaxes organizadas a Ribadeo.
A edil ribadense sinalou que “este verán atípico, climatoloxicamente falando, está repercutindo nos datos de permanencia dos turistas no noso concello, incluso en toda A Mariña e mesmo no Cantábrico. De xeito que se dan en certa medida menor número de visitantes ou menor período de estancia na nosa zona. Temos que salientar que a pesares de todo temos un número moi importante de grupos organizados. O turismo de grupos si medrou respecto a outros anos, e no global do cómputo de visitantes durante o mes de xullo si houbo un leve descenso respecto ao ano 2017”.
Ana Martínez contou que “superamos os 25.000 visitantes, o que supón consultas nas oficinas de turismo tanto do centro da vila de Ribadeo como da praia das Catedrais, se ben é certo que non chegamos ás cifras do ano pasado. Polo tanto, salientar que este mes de xullo non foi o mellor que desexásemos e o tempo non axudou para isto. Na oficina de turismo de Ribadeo recibíronse preto de 10.000 consultas, e o día 18 de xullo foi o de máis visitantes neste punto de información. No punto de información turística da praia das Catedrais aproximámonos ás 16.000 consultas, tamén roldando os días 18 e 19 como os de máis visitas. As procedencias, como todos os anos, son fundamentalmente o turismo nacional, e Madrid segue a ser o principal emisor xunto con Castela-León, Andalucía, Galicia, Euskadi e Cataluña. No caso do turismo internacional destacan as procedencias de Francia, Alemaña e Italia, pero tamén é salientable que se achega xente de Reino Unido, Portugal, EE.UU. e Arxentina. Polo tanto falamos dunhas porcentaxes moi similares ás dos anos anteriores, o turismo nacional supón un 88% e o internacional un 12%”.
A concelleira de Turismo subliñou que “o turismo de grupos, o turismo organizado, que hai uns anos era máis complexo velo por aquí, e que ven xa remitido desde axencias de diferentes puntos do estado, cada vez está a ser máis notable. Durante o mes de xullo tivemos un total de 81 grupos que se achegaron ás nosas oficinas para solicitar información. En canto ao turismo de peregrinos que nos visita a partires da Semana Santa e ata finais de outubro dun xeito importante, é salientable o paso dos peregrinos por Ribadeo, como que tamén tomen Ribadeo como ese punto de inicio para arrancar o camiño a xente que non ten tanto tempo para facelo. Destacar tamén a importancia do desenvolvemento económico arredor deste turismo con novos albergues e novos tipos de diferentes servizos que se van dando ao longo do camiño para a xente que pasa por Ribadeo”.
Martínez dixo que “a ocupación hoteleira, despois dunha sondaxe por diferentes establecementos, foi de arredor do 75% durante o mes de xullo. É importante destacar que moita da xente que se pasou pola oficina de turismo nos comenta que volvían a Ribadeo, que tiveron unha experiencia inicial de coñecer Ribadeo pola praia das Catedrais, pero que repiten a súa viaxe. Creo que este é un dato importante, significa que desde que nos coñecen queren volver. Polo tanto os servizos que se están dando desde o Concello e desde a empresa privada, desde a hostalería e o comercio, agradan aos nosos visitantes. Así que agradecer tamén o traballo que se fai desde a hostalería e o comercio para que as estancias en Ribadeo sexan agradables e recomendables”.
A edil manifestou que “a xente ven cada vez máis informada respecto ao acceso á praia das Catedrais, e a xente trae a súa autorización xa desde a súa casa. De tódolos xeitos desde a oficina, e na pantalla que temos no exterior, indicámoslles como poden cursar ese pase para acceder á praia das Catedrais que, durante o mes de xullo, tampouco se viu ocupada no 100% das prazas dispoñibles. Recordar que tamén dende o Concello, ademais dos servizos de bus, hai un servizo de taxi turístico que leva aos visitantes e que tamén dá ese acceso de pase directo”.
Ana Martínez agarda que “este agosto vaia deixándonos ver o sol, pero se non o hai tamén hai outras posibilidades importantes para disfrutar e percorrer Ribadeo. Dende a Delegación de Turismo ofertamos, durante este mes de agosto, cinco percorridos guiados e gratuítos, de luns a venres, para que a xente poida coñecer a diversidade do noso concello tanto a nivel natural como cultural e patrimonial. Polo tanto haberá unhas xeorutas dos Pregues, arredor de toda a costa do acantilado de Piñeira; a xeoruta dos Ollos e dos Percebes en Rinlo; tamén teremos roteiros guiados para interpretar o Ribadeo indiano, o Ribadeo dos comerciantes, e as pinturas e a pegada importante que hai na Ponte de Arante. Ribadeo sempre está activo, ademais da actividade cultural que temos durante todo o ano e en particular durante estes meses de verán. Polo tanto con sol ou sen sol, eu creo que vir a Ribadeo sempre é un aliciente, e sempre hai algo que facer, así que convido á xente a que durante este verán siga achegándose aquí para disfrutar de todo canto ofrecemos en Ribadeo”.

Exit mobile version