Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro exixe a cobertura de persoal médico no Centro de Saúde de Viveiro

Viveiro 18-8-18. O BNG de Viveiro exixe a cobertura de persoal médico no Centro de Saúde de Viveiro

O SERGAS NON CUBRE AS AUSENCIAS DO PERSOAL.
“Actualmente na quenda de mañá do Centro de Saúde de Viveiro (formada por 7 efectivos) unmédico xubilouse e outra médica tivo un nomeamento político e o SERGAS non os substitúe agás de xeito esporádico e aleatorio” , explican dende a fronte nacionalista.
As consecuencias de que non se cubran as ausencias do centro de saúde de Viveiro “son moitas”, e entre outras destacan a masificación das consultas, os “cupos” profesionais por enriba do establecido legalmente e a redución de profesionais. Todas elas, aseguran, polas «decisións quelevan á deterioración estrutural da atención primaria en Viveiro».

UNHA SÓA MÉDICA PARA CUBRIR TRES NA QUENDA DE TARDE.
Dos tres médicos que pasan consulta na quenda de tarde no Centro de Saúde só un traballou o mércores 14 de agosto, nunha poboación que ademais medra coa chegada de veraneantes, denuncia o BNG. Unha médica atópase de excedencia (sen substituír), outro médico de vacacións (non se substituíu) quedando o centro cunha soa médica.

TRES HORAS DE AGARDA PARA COMUNICARLLES QUE NON TERÍAN ASISTENCIA.
“A persoas xa estaban citadas xa que o SERGAS comprometerase a cubrir un segundo médico, mais chegaron as seis da tarde e foilles comunicado que tiñan que marchar para as súas casas xa que finalmente non ían mandar ningún substituto, quedando sen asistencia sanitaria”, afirman.
Unha destas decisións é a de non substituír ao persoal cando está de vacacións, por xubilación ou por outros motivos, o que está a ter como consecuencia «a redución de servizos e unha sobrecarga asistencial brutal nunha vila que ve aumentada a poboación durante o período estival polo turismo» , engaden.

DERIVACIÓNS A BURELA.
Dende o BNG de Viveiro lembran tamén o odontólogo está de vacacións até o 20 de agosto e derívanse a Burela só as urxencias, deixando sen atención as consultas ordinarias durante un mes enteiro. Dende a fronte nacionalista esixen ao SERGAS a cobertura de todas as ausencias e consideran que “é básico rescatar a sanidade pública da Mariña e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte o goberno do PP que pretenden convertela nun privilexio”.
“O BNG de Viveiro estivo, está e estará sempre na defensa dunha sanidade pública de calidade e de proximidade que garanta unha atención digna para a veciñanza e pregúntanlle ao popular Antonio Bouza, se estes son os máis e mellores servizos dos que o PP cacarexa ”, conclúen.

Exit mobile version