Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello burelés destina 20.000 euros ás axudas deportivas por concorrencia competitiva. Os clubs poden presentar xa as súas solicitudes

Burela, 21 de agosto de 2018. Está aberto o prazo para solicitar as axudas deportivas por concorrencia competitiva do Concello de Burela, despois de que onte saíran publicadas no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras das mesmas. O equipo de goberno destina a este fin 20.000 euros, unha cifra que se foi incrementando desde a súa chegada ao Concello, segundo subliña o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey. Os clubs deportivos dispoñen de 30 días naturais, contados desde hoxe, para presentar toda a documentación esixida.
O edil socialista anunciou que “no día de onte saíron publicadas, no Boletín Oficial da Provincia, as bases que van regular as axudas deportivas por concorrencia competitiva que o Concello de Burela vai dar este ano. A cantidade que imos repartir entre os clubs deportivos, que cumpran cos requisitos que se piden nesas axudas, vai ser de 20.000 euros”.
O concelleiro de Deportes subliñou que “desde que nosoutros entramos no goberno esas axudas pasaron de 13.000 a 20.000 euros, que consideramos que é unha suba máis que importante e demostra o compromiso deste equipo de goberno cos clubs deportivos de Burela”.
Ramiro Fernández Rey dixo que “o noso obxectivo é que os clubs poidan desenvolver a súa actividade da mellor maneira posible, e é por iso que cada ano imos aumentando un pouquiño máis a cantidade. Esperemos que para o ano que ven a previsión é que poida incluso subir un pouquiño máis”.
O edil burelés indicou que “os clubs que cumpran os requisitos para poder entrar dentro dese reparto de concorrencia competitiva por méritos, dunha maneira obxectiva que decidimos facer desde que entramos no goberno, teñen o prazo que marcan nesas bases para presentar toda a documentación. Esperemos que todos queden satisfeitos co reparto que se faga. Evidentemente ao haber máis cartos supoñemos que todo o mundo terá máis posibilidades tamén de levar máis contía”.
Fernández Rey fixo fincapé en que “a aposta do equipo de goberno polo deporte é clara. Esperemos que todos poidan optar a estas axudas e que o reparto sexa o máis proporcional posible, que é o que pretendemos con estas bases que fixemos que son para recoñecer os méritos de todos os clubs, e facelo dunha maneira obxectiva”.

Exit mobile version