Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo convocou unha mesa técnica de seguridade para coordinar os dispositivos de cara ás festas da Maruxaina e da queimada popular

Cervo, 3 de agosto de 2018.- O Concello de Cervo convocou unha mesa técnica de seguridade para o día de hoxe co fin de coordinar os dispositivos de cara ás Festas da Maruxaina, que se celebrará o sábado 11 de agosto, e da Queimada Popular, que terá lugar o 18 de agosto.

A Mesa estivo presidida polo edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, e contou coa presenza da concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, con representación da Garda Civil do Posto de Burela, da Unidade Tráfico, do G.E.S. de Cervo, da Policía Local, e da organización da Maruxaina e da Queimada.

Tal e como precisou Soto, “instalaremos un posto de mando avanzado e outro de primeiros auxilios na entrada de San Cibrao con motivo da Maruxaina, e recordamos que, como medida de seguridade e a fin de salvagardar a esencia desta Festa, non se permitirá acampar nin na vila nin na contorna”. Ademais –engadiu- ese día reforzaremos o servizo de socorrismo da Praia do Torno, un dos puntos neurálxicos da Maruxaina, no que se concentra gran cantidade de veciños e visitantes.

O edil quixo agradecer a colaboración da Subdelegación do Goberno e de todos os Corpos e Forzas de Seguridade pola súa contribución á hora de garantir o bo discorrer destas Festas declaradas de Interese Turístico Galego, e que contan cunha gran afluencia de xente.

Cortes de tráfico durante a Maruxaina

Desde o venres 10 de agosto, a partir das 15:00 horas ata o domingo 12, ata as 15:00 horas realizaranse modificacións e restricións no tráfico rodado de San Cibrao.

En concreto estará cortado todo o acceso rodado na Avda. da Mariña, Rúas Aduana, Campos, Torno, Beiramar, Caosa, Hospital, Miramar, Anxuela, Coto e Penamea; Prazas do Lugar e Penal; e Zona do Porto de Arriba. Estes cortes terán a excepción dos vehículos con pase, de emerxencias, reparto e servizos municipais.

Desde o xoves, 9 de agosto, ás 23:30 horas, estará prohibido o estacionamento na Avda. da Mariña, Rúas do Torno, Beiramar e o aparcadoiro fronte á Casa do Mar.

As persoas residentes e aquelas que acrediten ter praza de garaxe nestas zonas poden solicitar o seu pase na Casa da Cultura ata o martes 7 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén poden encargar, así mesmo, os taboleiros para xantar ese día na Praia.

Exit mobile version