Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo crea o Premio Rei das Tartas para “recoñecer” aos embaixadores e embaixadoras de Mondoñedo e os seus recursos

Mondoñedo, 2 de agosto de 2018.- O Concello de Mondoñedo recorda a figura de Carlos Folgueira, o Rei das Tartas, coincidindo co vixésimo quinto aniversario do seu pasamento. Será a través dun acto de homenaxe que se celebrará o vindeiro sábado 4 de agosto ás 12:30 horas no salón de Plenos. Tralas intervencións, a homenaxe continuará en forma de ofrenda floral ante o busto do Rei das Tartas na travesía que leva o seu nome.
A alcaldesa, Elena Candia, recorda que “hoxe, 2 de agosto, cúmprense 25 anos dende que nos deixara o Rei das Tartas”. Así, o Concello non pode deixar de homenaxear a Carlos Folgueira “que tanto promocionou Mondoñedo, a súa tarta e os seus recursos polo mundo adiante”.

Premio Rei das Tartas
A rexedora mindoniense aposta porque o seu recordo perdure no tempo “e non quede so nun pequeno xesto” a través da creación do Premio Rei das Tartas.
Esta distinción, que nace coa intención de permanecer no tempo, pretende crear embaixadores e embaixadoras de Mondoñedo e dos seus recursos “tal e como fixo Carlos Folgueira”.
O premio, dotado con 1.000 euros, placa e diploma, recoñecerá a aquelas persoas que presenten un proxecto de promoción da cidade de Mondoñedo.

Exit mobile version