Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno continúa a impulsar a modernización tecnolóxica da Deputación remodelando o Centro de Proceso de Datos

Lugo, 17 de agosto de 2018. O Deputado de Innovación e Participación Cidadá, Pablo Rivera Capón, informou que o Goberno continúa a impulsar a modernización tecnolóxica da Deputación remodelando o Centro de Proceso de Datos “o servidor físico no que se executan a maior parte das aplicacións e sistemas informáticos que se empregan dende a administración provincial así como dende os Concellos”. Así o avanzou logo de que o Executivo Provincial aprobase este venres en Xunta de Goberno un orzamento de 250.000 euros para realizar obras coas que actualizar este servidor aos novos tempos. A previsión e rematalas en 4 meses.

Rivera Capón explicou que o Centro de Proceso de Datos, ou CPD, que dispón á Deputación data do ano 2010 e foi de grande axuda para a transformación tecnolóxica que sufriron tanto á administración provincial como os Concellos, aos que lle ofrecemos durante todo este tempo novos servizos TIC. “Logo destes 8 anos, a evolución tecnolóxica e o aumento dos traballos dende a administración electrónica, fai necesario melloralo para facelo máis eficiente, eficaz e tamén máis seguro. A tecnoloxía avanza a pasos axigantados e cada vez se precisan máis e máis recursos para soportar os novos sistemas de información e ofrecer á cidadanía mellores servizos”, apuntou.

Por exemplo, o CPD soporta as páxinas webs dos Concellos, os portais de transparencia, os sistemas de administración electrónica, telefonía, acceso a internet, ou aplicacións de contabilidade e xestión de recursos humanos… Con estas melloras, reforzaranse as bases de datos, poñendo especial atención na actualización dos datos e impulso de medidas de seguridade, sistemas de control, prevención de erros e sistemas de recuperación, co obxectivo último de protexer a información da Deputación de Lugo; ampliarase a capacidade de almacenamento, procesado, e actualizaranse parte dos equipos e dispositivos físicos por outros máis modernos, eficaces e fiables.

Nova web da Deputación
O Deputado de Innovación e Participación Cidadá avanzou que o CPD soportará tamén a nova web da Deputación, que está practicamente lista e que se presentará, previsiblemente, no vindeiro mes. Será unha páxina mais atractiva visualmente, cun maior grao de usabilidade e accesibilidade, máis interactiva e rápida.

139.000 euros para melloras en 23 Concellos
O Deputado lembrou que dentro do compromiso pola evolución nas tecnoloxías da información na provincia de Lugo, o Goberno da Deputación puxo á disposición por 3º ano consecutivo axudas aos Concellos para o impulso da administración electrónica e protección de datos dos municipios, por valor de 139.000 euros. “Isto permitirá realizar melloras tecnolóxicas en 23 Concellos lucenses, que foron os que decidiron sumarse a esta liña da Deputación. En termos xerais, a través destes fondos da Deputación, melloraranse, manteranse ou crearanse administracións electrónicas; e faranse adaptacións sobre protección e almacenamento de datos”, explicou .

A Deputación máis tecnolóxica de Galicia
Rivera Capón explicou que “medidas como a que hoxe aprobamos, aínda que parezan moi técnicas, o que demostran é que esta Deputación continúa a evolucionar, adaptándose aos novos tempos e promovendo un uso cada vez maior da tecnoloxía, tanto no traballo diario dos profesionais que prestan os seus servizos na Deputación, como na vida cotiá dos nosos veciños, cumprindo coa lexislación, e promovendo, por exemplo, a administración e rexistro electrónico nos Concellos”.

“Actuacións coma estas son as que fan que a de Lugo sexa a Deputación galega máis avanzada tecnoloxicamente. De feito a institución lucense é a única Deputación galega que conta coa ISO 20.000-1, que é unha certificación que garante a calidade dos servizos de xestión informática que ofrece a Deputación a nivel interno, así como á cidadanía, e aos Concellos”, apuntou.

Exit mobile version