O Goberno da Deputación é o principal impulsor desta iniciativa, que chega a súa terceira edición, cunha achega de 25.000 euros. En Monforte de Lemos terá lugar os días 23, 24 e 25 de agosto, en Viveiro os días 30,31 e 1 de setembro e, finalmente, en Lugo os días 4, 5 e 6 de setembro. Durante os días de feira haberá xogos, obradoiros infantís, concursos e demostracións de cociña, entre outras actividades.
Fernández Queipo lembrou que “Lugo conta coa maior superficie deste tipo de produción en Galicia (14.846 hectáreas, que representan o 47% do total) e esta é a comunidade autónoma que lidera o sector a nivel estatal (31.916 hectáreas), o que dá boa conta da relevancia desta actividade para a economía e o emprego na provincia. Creo firmemente no potencial da agricultura ecolóxica. Por iso, desde a Deputación involucrámonos na posta en marcha da primeira Escola de Agricultura Ecolóxica pública e gratuíta no Concello do Valadouro, ademais de distintas programacións formativas e gratuítas que impulsan o emprendemento sustentable, facendo posible a creación de novos negocios agroecolóxicos”.
“Temos que aproveitar as oportunidades económicas relacionadas co sector agroecolóxico, pois contribúe á xeración de novos postos de emprego; e ao desenvolvemento socioeconómico, a través de todo o proceso de comercialización; xa que estes produtos cada vez son máis demandados por toda a cidadanía. En efecto, o crecemento da produción certificada na provincia incrementouse nun 45% no ano 2017, medrando un 3% por riba da media galega, cun volume económico superior aos 22 millóns de euros”.
O Vicepresidente subliñou que “este tipo de eventos resultan de grande importancia pois, a pesar do importante auxe da produción ecolóxica, aínda existe moita confusión entre os consumidores, que teñen dúbidas de cando un produto é ecolóxico e cando non o é. Deste xeito, coa posta en marcha desta campaña queremos insistir na necesidade de que os produtos para ser ecolóxicos teñen que estar certificados por un órgano de control autorizado e en Galicia este é o CRAEGA”.
Os obxectivos que se perseguen coa celebración destas feiras son informar aos consumidores das propiedades e beneficios para a saúde do produtos ecolóxicos, os beneficios das prácticas agronómicas ecolóxicas para o medio ambiente, aproximar a produtores e consumidores ou facilitar encontros entre produtores para establecer alianzas orientadas á distribución e comercialización dos produtos.
Coa celebración destas tres feiras de produtos ecolóxicos, preténdese dar a coñecer ao público en xeral, a produción de produtos alimentarios certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Deste xeito, habilitarase un posto informativo, haberá degustacións ao público e, finalmente, os participantes se así o desexan poderán mercar os alimentos nas casetas dos produtores.