Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal Popular de Burela recórdalle ao BNG que “non temos responsabilidade de Goberno”

Burela, 14 de agosto de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela recórdalle ao BNG que “non está torpedeando ningún proxecto para o municipio”; xa que “non temos responsabilidades de Goberno no Concello de Burela”.

Os populares bureleses indican que, “polo tanto, a quen lle compete facer todos os trámites administrativos -elaboración de proxectos, adquisición de terreos e busca de financiamento- é ao Partido Socialista, e máis concretamente, ao alcalde, o señor Llano”.

Nese sentido, dende o Grupo Municipal Popular consideran que “o BNG parece que o esquece deliberadamente” ou que “non se atreven a chamarlle ás cousas polo seu nome e dicir que o alcalde é un incompetente por levar tres meses con este asunto do pavillón totalmente paralizado”.

Responsabilidade do BNG en materia de deportes na Deputación de Lugo
Falando de responsabilidades, os populares recórdanlle ao BNG que tivo responsabilidade política en materia de deporte no Goberno da Deputación Provincial de Lugo durante oito anos. Nese sentido, pregúntanse “por que non lle esixiron aos seus compañeiros de partido a mesma achega para o pavillón de Burela que a importante e moi destacada cantidade que achegaron para o pavillón de Ribadeo”. Nese caso, como explican dende o Grupo Municipal Popular, “o problema de financiamento do pavillón estaría resolto”.

Así, aos populares gustaríalles coñecer o grao de implicación que tivo o propio BNG de Burela no seu momento para que desde a Deputación de Lugo non se abordasen as obras do pavillón de Burela. “O BNG debera explicar por que non fixeron nada cando dende a alcaldía do PP en Burela si se lles trasladou a necesidade deste proxecto aos responsables políticos en materia de deportes na Deputación Provincial”, conclúen.

Compromiso do PP local
O Grupo Municipal Popular quere deixar claro o seu compromiso con este proxecto; xa que “se nós estiveramos gobernando agora, os prazos estaríanse cumprindo”. Pero, ademais, especifican que “estariamos traballando non só nunha memoria, senón nun proxecto. Teriamos xa realizado o procedemento para a asignación de partida orzamentaria para a compra dos terreos e teríamos avanzado na mesma”.

De feito, os populares recórdanlle ao BNG que “foi o Partido Popular o que obrigou en Pleno ao alcalde a fixar prazos para poder presentar e facer tódolos trámites administrativos pertinentes para levar a cabo esta obra”.

Nesa liña, dende o Grupo Municipal Popular advírtenlle ao Bloque Nacionalista Galego de Burela que “non se confunda de inimigo” porque “o que está gobernando agora mesmo en Burela é o PSOE e o que está retrasando esta obra é o señor Llano”.

Exit mobile version