Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela asegura que o alcalde Llano mantén unha actitude mentireira en relación ao pavillón municipal

Burela, 11 de agosto de 2018.- O presidente da xestora do PP de Burela, Manuel Rouco, asegura que “o actual alcalde, o señor Llano, expón unha serie de embustes en relación coa suposta entrevista que mantivo en Santiago coa secretaria xeral para o Deporte”. Rouco aclara que, segundo lle fixo saber o Grupo Municipal Popular, “o rexedor burelés limitouse a facerlle entrega a unha administrativa dunha memoria de 5 folios, pero en ningún momento se entrevistou coa secretaria xeral”.

Outro embuste máis, engade, “é o que fai referencia ao importe das obras que pretende proxectar”. De feito, “o alcalde indicou nunha nota de prensa publicada hoxe mesmo que a cantidade estimada para o pretendido pavillón é de entre 4 e 5 millóns de euros cando na memoria valorada, que polo tanto non é un proxecto formal, a cantidade aproximaríase aos 9 millóns de euros” como puido saber Rouco grazas ao Grupo Municipal Popular.

Por outra banda, o presidente da xestora desmente tamén que “nesa memoria conste algo sobre a construción da pretendida piscina que anuncia”.

“Ante esta serie de falsidades”, o PP de Burela “non pode máis que ratificarse na cualificación da actitude do actual alcalde de Burela como de enganosa e mentireira”. Nese senso, defenden que “non se pode xogar nin cos titulares de prensa, nin coas boas intencións dos cidadáns e veciños do Concello con esta forma tan trapalleira de facer política”.

Máis mentiras do alcalde de Burela
O presidente do PP local recorda que “non é a primeira nin a única vez que o actual alcalde de Burela recorre a esta actitude enganosa. Xa estamos acostumados a que trate de enganarnos sobre o plan de tráfico que anunciou fai case tres anos e sobre o que non hai nada feito. Tratou de enganarnos tamén en relación co mercado que segue no mesmo sitio e coa aprobación nun prazo de 6 meses dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) cando dous anos despois non hai absolutamente nada”, continúa.

Así, “suma mentiras, unha tras outra” que, segundo o popular, “deberían servir para que a xente de Burela abra os ollos e vexa que este señor está incapacitado para xestionar, xa que coa súa actitude pretende enganar, unha e outra vez, aos veciños de Burela”. De feito, Rouco defende que “nada fai para solucionar os problemas reais, nin tan sequera para aquelas cuestións que el mesmo presenta”.

Exit mobile version