Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP omite as medidas dos Estatutos de SUPLUSA para pagar aos traballadores xa expostas pola Deputación, explica o grupo de goberno

Lugo, 31 de xullo de 2018. A Deputación remitiu xa nos pasados días un informe a SUPLUSA en resposta á solicitude do mesmo, expoñéndolle as varias posibilidades que recollen os propios Estatutos da Sociedade Urbanística Provincial para cubrir a vacante existente no servizo de intervención dende hai xa 2 meses e así poder formalizar o pago das nóminas dos traballadores ante as dificultades que aseguran ter.

O organismo provincial aclarou que os Estatutos de SUPLUSA recollen que en caso de vacante, como neste caso a existente en intervención, esta pode cubrise cun profesional habilitado polo Estado ou por razóns de urxencia cun nomeamento accidental.

En todos os casos, é SUPLUSA a única que pode resolver esta manifestada situación e formalizar o pago das nóminas, máis aínda cando non ten problema de liquidez algún ao contar con fondos millonarios e recibir ingresos pola súa actividade urbanística.

Cómpre aclarar que sería unha ilegalidade que a Deputación asumise isto ao non ter título xurídico. A única responsabilidade do organismo provincial é a de fiscalizar as contas de SUPLUSA, traballo que se esta a levar a cabo.

O Goberno da Deputación considera que “o Partido Popular, que goberna en SUPLUSA despois de moita teima para acadar a maioría e o control desta Sociedade, debería, cando menos, coñecer os seus Estatutos. En caso de coñecelos, claramente os está a omitir cando estes recollen varias posibilidades para cubrir unha vacante como a de intervención, que existe xa dende hai 2 meses”.

“Isto pon de manifesto a ineficacia do goberno do Partido Popular en SUPLUSA que tanto ansiaban ter; ineficacia que os populares tentan ocultar baixo un papel vitimista, empregando aos traballadores da Sociedade e culpabilizando da situación que aseguran ter ao profesional que voluntariamente decidiu renunciar á labor de intervención”.

“É sorprendente que por un lado o goberno do PP en SUPLUSA diga que non pode nin cubrir a vacante de intervención nin pagar as nóminas dos traballadores e, por outro, pretenda que a Sociedade asuma novas competencias como a comercialización de enerxía eléctrica cando legalmente non o pode nin facer”.

Tranquilidade dos traballadores
Para tranquilidade dos traballadores de SUPLUSA, o Goberno da Deputación resalta que a Sociedade ten millonarios fondos económicos nas súas contas e persoal cualificado para efectuar o pago das súas nóminas, seguros ou impostos.

“O goberno do PP en SUPLUSA debería deixarse de espectáculos, manipulacións e escenas teatrais para facerse cargo das responsabilidades que decidiron con moita ansiedade, de xeito voluntario e moito interese asumir na Sociedade Urbanística Provincial. Se non son capaces, deberían deixar SUPLUSA”.

Exit mobile version