Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pediralle á Deputación de Lugo que manifeste o rexeitamento á supresión dos cuarteis da Garda Civil na provincia

Lugo 21, agosto, 2018. O Grupo Provincial do PP presentará unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que pedirán que os Grupos que forman parte da Corporación manifesten o seu rexeitamento á supresión dos cuarteis da Garda Civil na provincia de Lugo.

Os populares elevarán ao Pleno esta iniciativa tras coñecer a través dos medios de comunicación que o Ministerio de Interior planea pechar polo menos 20 cuarteis da Garda Civil en Lugo co propósito, segundo indican as mesmas fontes, de reagrupar aos axentes e que non haxa postos con menos de 20 efectivos.

Atender as peticións de veciños e alcaldes
O Grupo Provincial do PP faise eco así coa súa moción do malestar dos veciños e veciñas destas localidades que poderían verse afectadas por esta proposta do Ministerio de Interior, así como do rexeitamento amosado polos alcaldes a este plan, posto que non queren que este Corpo perda a súa presenza permanente nos seus respectivos municipios.

Os alcaldes destes municipios teñen trasladado en innumerables ocasións a importancia de que estes efectivos presten o seu labor nos seus concellos, especialmente naquelas localidade emprazadas no medio rural, onde seguen a desenvolver un importante traballo.

Tanto é así, recordan desde o PP, que os socialistas, agora no Goberno do Estado, teñen defendido a necesidade de incrementar o número de efectivos, o que contrasta coa idea de pechar os cuarteis que acaban de facer pública. Así mesmo, nas declaracións que acompañan ás informacións xa citadas o propio vicepresidente da Deputación e alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, mostra o seu rexeitamento ao peche destas dependencias.

Os populares consideran que antes de tomar esta decisión é preciso ademais coñecer todos os detalles e consecuencias na comisión sobre o modelo policial constituída no Congreso. Nela, precisan, deberan ter en conta que a extensión da nosa provincia e que para trasladarse desde unha capital ou desde algunha cabeceira comarcal ou algún municipio se pode chegar a tardar más dunha hora, o que podería complicar a atención ás emerxencias que se poidan producir.

Desde o PP alertan tamén da inquietude e a alarma que está xerando nos veciños e veciñas esta posible reorganización territorial e as consecuencias derivadas de que 20 cuarteis da provincia poidan ver pechadas as súas portas, polo que pedirán o pronunciamento da Corporación.

Exit mobile version