Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pídelle a Campos que convoque “á maior brevidade” a reunión da comisión técnica que se encargará do proceso de extinción da TIC

Lugo 20, agosto, 2018. O Grupo Provincial do PP presentará hoxe un escrito para pedir que o presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, convoque á maior brevidade posible aos voceiros dos distintos grupos políticos con representación na Corporación para a celebración da reunión da comisión técnica relativa á proposta de extinción da Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Os populares fan esta petición porque foi o que se acordou no último Pleno da Corporación celebrado o 31 de xullo e, case un mes despois, o presidente aínda non convocou aos grupos políticos para a celebración da primeira xuntanza desta comisión.

O PP mellorou a proposta inicial
O Grupo Provincial do PP presentou no último Pleno da Corporación Provincial unha emenda á proposta dos socialistas para extinguir a Fundación TIC para que a Deputación asuma as competencias, actividades e servizos e ao persoal cunha plena equiparación das condicións laborais e salariais dos seus traballadores cos empregados públicos da Deputación na proporción que permita a masa salarial.

En canto ás actividades, desde o PP conseguiron o apoio do resto dos Grupos para que antes do 1 de xaneiro o Pleno aprobe un regulamento de funcionamento desde servizo que priorice en todo momento a disposición da provincia para poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial.

Unha demora innecesaria
Para avanzar nestes cometidos os populares consideran que o paso previo debera ser a convocatoria desa reunión da comisión técnica, posto que se trata dun proceso que levara tempo e que os socialistas “están a demorar de xeito innecesario”.

O PP reivindica a mellora que logrou no Pleno con respecto á proposta inicial que planteou o equipo de Goberno, unhas achegas “necesarias” para que a TIC non sexa unha axencia de comunicación do Goberno, senón que estea ao servizo da provincia para poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial”.

Desde o Grupo Provincial Popular sosteñen que a convocatoria desa reunión permitirá avanzar no proceso iniciado hai case un mes, que o PSOE mantén paralizado, “e conseguir que as se atendan as demandas que os seus 35 traballadores teñen trasladado”.

Os populares xa advertiron no Pleno que a proposta do PP se presentaba pese a estar pouco traballada, polo que insisten na importancia de levar a cabo esta reunión para concretar a proposta e o proceso e que se leve a cabo con todas as garantías, máis tendo en conta que se trata de recursos públicos”, precisan.

Exit mobile version