Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Barreiros denuncia o total abandono no que se atopan as praias e os parques infantís

Barreiros, 3 de agosto de 2018.- A voceira do PSOE en Barreiros, María Carmen Veiga, denunciou este venres o “lamentable estado no que se atopan as praias e os parques infantís do Concello de Barreiros debido a falta de limpeza e mantemento destas prestacións públicas por parte do Concello gobernado polo PP”.

María Carmen Veiga criticou que “o conxunto de praias de todo o municipio están sen limpar e cheas de lixo. O único que quitan do areal os operarios municipais son elementos moi voluminosos, como anacos de madeira ou antucas abandonadas, que deixan na ribeira ou ao carón dos contedores de lixo e que levan un mes sen recoller por parte do Concello, acumulando máis desperdicios e provocando malos cheiros. Esta mala xestión por parte do Alcalde do PP está dando unha pésima imaxe do Concello, nunha época estival na que a Mariña triplica o número de poboación polos turistas, e que repercutirá negativamente na economía dos hostaleiros e establecementos do municipio se temos menos afluencia de xente”.

Os socialistas de Barreiros reprochan ao PP que estes problemas hixiénico sanitarios nas praias do Concello súmanse aos continuos vertidos que hai na praia de Aeralonga, en San Miguel de Reinante, por culpa de que a depuradora está deseñada para prestar servizo a 500 veciños. “Todos os veráns pasa o mesmo e o Alcalde mira cara outro lado. Dende o PSOE levamos moito tempo denunciando este problema e solicitando ao PP na Xunta de Galicia que asuma as súas competencias e dote a esta zona dunha nova EDAR, pero polo que parece o goberno de Feijóo non está pola labor de solucionalo. Os barreirenses merecémonos ter unhas praias de primeiro nivel, coidadas, limpas e seguras e que non se nos trate como a cidadáns de segunda” subliñou Veiga.

O parque infantil non cumpre coa normativa de seguridade
A voceira municipal socialista censurou que o parque infantil situado en San Miguel de Reinante non cumpre coas mínimas normas de seguridade, pois o mobiliario atópase deteriorado e roto, con achas de madeira e cravos oxidados, poñendo en perigo a integridade física dos nenos que empregan a diario estas instalacións de ocio e tempo libre. Ademais, as zonas verdes da contorna están desatendidas e as beirarrúas cheas de lixo, con cabichas e excrementos de aves, “como a maioría das rúas do municipio. Outro exemplo máis da incompetencia e da desidia do Alcalde do PP, que nin se preocupa por manter en bo estado estas prestacións públicas municipais”.

Exit mobile version