Site icon Crónica3.com A Mariña

Os 12 Deputados do PP facilitan que o Pleno da Deputación aprobe unha proposta ilegal, din os socialistas

Lugo, 31 de xullo de 2018. Os 12 Deputados do Partido Popular facilitaron co seu voto a favor que o Pleno da Deputación debatese e aprobase este martes unha proposta ilegal, que non estaba incluída na orde do día, precisamente, pola súa ilegalidade. Esta non se pode executar.

A proposta consiste, tal e como apunta textualmente, na “encomenda do Pleno da Deputación a SUPLUSA de intervir sen limitacións nos sectores da xeración e comercialización da enerxía”. A Secretaria Xeral da Deputación, que é o departamento provincial coa máxima autoridade xurídica, tiña informado sobre a súa ilegalidade.

Fíxoo a través dun informe que elaborou e presentou días antes da sesión plenaria. Neste explícase que a proposta é ilegal por varios motivos:

1.- A proposta incumpre “de forma temeraria e grosera” os requisitos da Lei de Contratos do Sector Público.

2.- A proposta non inclúe documentos imprescindibles por lei para poder aprobar calquera iniciativa pública. Por exemplo, unha memoria económica, un plan de viabilidade, unha análise do mercado relativa á oferta e á demanda, a súa rendibilidade ou efectos sobre a concorrencia empresarial… entre outras cuestións, que garantan, cando menos, obrigas legais de todas as entidades locais, como cumprir coa estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira da Deputación.

3.- A Deputación non pode aprobar ningunha nova encomenda a SUPLUSA porque non é medio propio. A Sociedade Urbanística Provincial perdeu esta condición e non a recupera ao negarse a cumprir os requisitos que establece a lei para volver a selo.

Por todas estas razóns, que foron informadas con anterioridade ao Pleno, a proposta non foi incluída na orde do día da sesión.

Con todo, os 12 Deputados do Partido Popular decidiron en primeiro lugar votar a favor da urxencia desta proposta para introducila no debate da sesión plenaria.

Posteriormente, e tras ser advertidos de novo e en reiteradas ocasións pola Secretaria Xeral da Deputación sobre a súa ilegalidade, votaron a favor da mesma, facendo caso omiso ás advertencias do departamento xurídico de máxima autoridade provincial.

Debido a súa ilegalidade, a proposta non se pode executar en ningún caso.

Exit mobile version